11 de ago. de 2017

A GUARDA

O PRESIDENTE DO R. C. CELTA E OS ALCALDES DE VIGO E DA GUARDA, DESCOBREN AS NOVAS PLACAS DE DÚAS RÚAS GUARDESAS

Que desde hoxe levan os nomes de rúa Vigo e rúa do Celta    

Carlos Mouriño. presidente do R. C. Celta de Vigo, Antonio Lomba Baz, alcalde de A Guarda e Abel Caballero Álvarez, alcalde de Vigo, no acto de descobremento da praca correspondente a Rúa do Celta.
Fotos. C.A.G.

Infogauda / A Guarda


 O alcalde do Concello de Vigo, Abel Caballero Álvarez, e o rexedor guardés, Antonio Lomba Baz, foron os encargados de descubrir a placa da nova rúa Vigo que, dende esta mañá, substitúe á Primeira e Segunda Transversal Bechos. A eles se uniu o presidente do Real Club Celta de Vigo, Carlos Mouriño Atanes, para a inauguración da rúa do Celta, na que ata hoxe era a Terceira Transversal Bechos.  

Antonio Lomba Baz e Carlos Mouriño Atanes, descobrendo a praca da Rúa do Celta, en presenza de Abel Caballero Álvarez

 Tamén estiveron presentes no acto o presidente da Peña Celtista do Baixo Miño, José Carlos Rodríguez Barros, o concelleiro de Deportes vigués, Manel Fernández Pérez, o primeiro tenente de alcalde da Guarda, Miguel Ángel Español Otero, e outros membros da corporación local. Sumáronse, tras as inauguracións, os xogadores do R. C. Celta Sergio Álvarez e Nemanja Radoja, e o ex-xogador e actual delegado de campo do club, Vladimir Gudelj, que saudaron aos afeccionados e atenderon as demandas de autógrafos e fotografías.   

Novos nomes no rueiro guardés 

 O son da gaita e o baile tradicional acompañaron o acto de inauguración, que comezou pasadas as 11:30 horas na intersección da nova rúa Vigo con rúa Galicia. Antes de descubrir a placa, o alcalde vigués agradeceu o “xesto de amizade” por parte da vila guardesa, da que confesou sentirse moi próximo. “Un dos meus primeiros recordo é aquí, na praia, cos meus pais intentando que me metera na auga”, confesou Caballero, ao explicar que, cando era un neno, esta era a localidade escollida pola súa familia para pasar o verán.  

O son da gaita e o baile tradicional acompañaron o acto de inauguración

 Referíndose ao estreito vínculo que une a ambas localidades, Antonio Lomba asegurou que o nomeamento da nova rúa resolve unha débeda pendente co veciño vigués. “A Guarda é a nosa vila, pero Vigo é a nosa cidade”, afirmou o rexedor local. 
  
Os alcaldes de A Guarda e de Vigo, descobrendo a praca da Rúa Vigo

 Descuberta a placa da rúa Vigo, o acto trasladouse á nova Rúa do Celta, onde se sumou o presidente do club vigués, Carlos Mouriño, para agradecer a homenaxe. “É un orgullo, unha satisfacción e un compromiso, que nos obriga a estar máis pendentes de todo o que pasa ao noso redor e coa nosa afección”, referiu o presidente, para sentenciar que “o Celta non leva só o nome de Vigo”, senón tamén o de moitas outras localidades que, como a guardesa, contan cunha afección “grande e ruidosa”, engadiu Antonio Lomba.  

O ex-xogador Vladimir Gudelj e os xogadores do club, Sergio Álvarez e Nemanja Radoja atendendo á afección celeste

 O ex-xogador Vladimir Gudelj e os xogadores do club, Sergio Álvarez e Nemanja Radoja, uníronse á celebración unha vez remataron os seus compromisos deportivos, para atender a afección. Decenas de persoas agardaban na nova rúa do Celta con balóns e camisetas celestes para poder facerse cun autógrafo dos futbolistas, que cumpriron de boa gana as demandas de pequenos e maiores. 
  

Carlos Mouriño, presidente do R. C. Celta, de Vigo, co alcalde e concelleiros de A Guarda, e membros do colectivo Somosarte, visitando á exposición no Centro Cultural da vila.

 Namentres, Carlos Mouriño aproveitou para coñecer a exposición “Arte do adentro” do colectivo SOMOSARTE, que estes días se expón no Centro Cultural da Guarda, de 10:00 a 13:00 horas e de 19:00 a 22:00 horas ata o próximo martes día 15 de agosto.

1 comentario:

  1. Moi ben Sr.alcalde, Xa ten mais ruas con nome e xa saiu nas fotos. ¿pra cando queda a limpeza das outras que xá están bautizadas?.A Rua Donantes de sangre ten tanta erba entre as baldosas que parece que forma parte dun pobo deshabitado....¿e que me dice das do centro da Vila que están cheas de roña? ¿E as de pedra que fae pouco que se arreglaron que xá non se sabe de que color són?.E ben boa pena que teñamos o pobo tan descuidado, porque e moi bonito, e vostede debería ocuparse un pouco mais da sua conservación.

    ResponderEliminar