11 de ago. de 2017

PONTEVEDRA

AREEIRO CONFIRMA QUE A RECOLLIDA DA UVA VAISE ADIANTAR NA MAIOIRÍA DAS COMARCAS E APUNTA A UNHA SEGUNDA VENDIMA NO OUTONO PARA OS ABUNDANTES ACIOS “REBUSCOS”  

Os técnicos aseguran que a situación das viñas neste momento final de campaña é moi boa con respecto a determinados patóxenos 



Infogauda / Pontevedra

 A Estación Fitopatolóxica de Areeiro (EFA), centro dependente da Deputación de Pontevedra, vén de asegurar que, dado que a vendima tradicional este ano vaise adiantar de xeito significativo nalgunhas comarcas, é posible a realización dunha segunda vendima no outono dos acios que medran nos gromos coñecidos como netos (“rebuscos”), e que, en xeral, segundo se comprobou nas visitas ás viñas, son abundantes, están sas en xeral e teñen bo tamaño.  

 En canto aos patóxenos, a técnico Pérez sinala que a situación das viñas neste momento final é moi boa, e mesmo plantas abandonadas este ano están case libres de síntomas de Mildeu. Con respecto ao Oídio, pese a ter habido repetidamente ao longo da campaña condicións que favoreceran o patóxeno, a realidade é que, salvo moi contadas excepcións, apenas houbo presenza no albariño, e, sobre a Botrite, desde os últimos días de xullo diminuíu a carga de esporas recollida e en todas as fincas visitadas a ausencia de síntomas deste fungo é practicamente total.   

 Por outra banda, na última semana as capturas couzas do acio mantivéronse en niveis extremadamente baixos e, do mesmo xeito que a semana anterior, os únicos síntomas de tripses tiveron confinados nos gromos terminais da finca de O Salnés. En canto aos ácaros, é de destacar unicamente a presenza de novos síntomas de erinose de verán que continúan a aparecer nos novos crecementos, nun ano en que realmente o seu axente causal, Colomerusvitis, foi o ácaro máis amplamente distribuído nas viñas.  

 Finalmente, en canto á viña, o aviso sinala que  a ausencia de precipitación destacable continúa favorecendo que aparezan plantas con síntomas de seca, e tamén a elevada luminosidade sobre as caras expostas dos acios está favorecendo a expresión dos golpes de sol. Do mesmo xeito, o clima deste ano favoreceu que se manifesten máis plantas con síntomas de alteracións da madeira, que é preciso marcar nos brazos afectados ou a planta enteira para que estean ben identificadas no momento da poda.  

 Dende a EFA explícase que co desta semana finaliza este ano a publicación dos avisos semanais polo adiantado da campaña, mais sublíñase que, como se fai todos os anos, seguiranse a emitir novos avisos ou información fitosanitaria cando sexa necesario, pero xa sen unha periodicidade fixa. “Un ano máis temos que agradecer a colaboración dos agricultores que nos permiten desenvolver as nosas experiencias nas súas fincas para que poidamos emitir os avisos. Agradecemos tamén a súa colaboración aos técnicos e agricultores que nos informan das súas observacións para poder dar unha visión máis ampla da situación dos cultivos. E, loxicamente, o noso agradecemento a todas aquelas persoas que nos len e nos alentan a continuar a publicación dos Avisos Fitosanitarios. Moitas grazas a todos eles”, indica a especialista Rosa Pérez Otero.  

 DIVERSOS FRUTAIS 

 Por outra parte, diferentes especies de árbores froiteiras teñen os seus froitos en fase de maduración/recolección (pexegueiros, algunhas variedades de maceira ou pereira, figos...) e estase a observar que algúns froitos na árbore e tamén caídos ao chan, están en fase de podremia, algúns xa con presenza de certos fungos oportunistas. Algunhas destas podres iniciáronse polas picaduras de insectos para inserir os seus ovos (algunhas moscas) ou para alimentarse deles (avespas), pero outras son debidas a outras causas, fundamentalmente paxaros. “Como sempre dicimos, estes froitos deben ser eliminados co fin de evitar que continúen o seu desenvolvemento as especies de dípteros, que cada ano son máis frecuentes na nosa zona, e que se estenda a contaminación polos fungos oportunistas”, destaca Pérez. 

 En canto á pataca, este ano estase a recibir en Areeiro un bo número de mostras de tubérculos cunha alteración de orixe non biótico (fisiopatía) que recibe o nome de “corazón oco”. Non ten síntomas no exterior, e maniféstase por un ou máis buracos no centro da pataca que soen presentar nas paredes internas unha capa máis escura de tecido suberificado. Esta alteración está causada por un desequilibrio hídrico.

Ningún comentario: