7 de ago. de 2017

PEITIEIROS (GONDOMAR)

Peitieiros celebra a V Semana Cultural e o XXIV Festival Folclórico Internacional   

As actividades comezan coa inauguración da Exposición sobre o petróglifo do Lombo do Roxás  



Informa: Centro Cultural e Recreativo de Peitieiros / Gondomar

 O Centro Cultural de Peitieiros celebra do 13 ao 19 de agosto a V Semana Cultural e o XXIV Festival Folclórico Internacional, que terá lugar o vindeiro sábado 19 de agosto, ás 19:30 horas.   

 O domingo 13 de agosto, na sede do Centro Cultural en Peitieiros, inaugurarase a V Semana Cultural e o XXIV Festival Folclórico. Neste acto procederase á inauguración da Exposición sobre o petróglifo do Lombo do Roxás, unha peza de arte rupestre descuberta polos veciños e veciñas de Peitieiros durante unha repoboación forestal con frondosas realizada no ano 2014. Este elemento patrimonial vénse sumar a outros que sinalan a antigüidade desta parroquia: o castro do Curuto ou os vestixios románicos da igrexa de San Miguel. O CCV de Peitieiros deicidiu acollerse ao ano do patrimonio que está a celebrar a Deputación de Pontevedra e pór o acento da semana cultural na difusión e preservación do patrimonio de noso, material e inmaterial. Por iso as actividades xirarán ao redor do petróglifo descuberto pola veciñanza, ou as regueifas e o canto tradicional. 

 Programa da V Semana Cultural 

Domingo 13, ás 13:00 horas: inauguración da exposición sobre o petróglifo do Lombo do Roxás. A exposición poderá visitarse os días 17 e 18 de 20:30 a 22:00 horas e o día19, de 12:00 a 13:30 e de 17:00 a 22:00. Ademais o día 19 realizarase unha visita guiada ás 18:30. 

Martes 15 – 20:30h. – Area de Lecer: charla sobre os petróglifos coa colaboración do Instituto de Estudos Miñoráns (IEM). Ás 22:30 visita do petróglifo. 

Xoves 17 ás 22:00 h.: Regueifas, con Bieito Lobariñas e Luis Caruncho. 

Venres 18 ás 22:00 h.: Canto popular e de taberna co grupo do CCV de Peitieiros e os Vellos Ventos de Vigo.     

 O sábado 19 de agosto celebraremos o XXIV Festival Folclórico Internacional que este ano ten o seguinte programa: 

12:30 h. Concerto do grupo de música funk e mestizaxe DuDecan en sesión vermú. 

19:30 h. Ecos e Agarimos de Peitieiros, grupo anfitrión, Grupo de Pandereteiras de Monte Boi (Baiona), Filipa Biscaia, fados de Lisboa (Coimbra), e Volta e Dálle (Mondariz).   

 O XXIV Festival Folclórico conta coa colaboración da Deputación de Pontevedra, do Concello de Gondomar e da Comunidade de Montes de Peitieiros.  

Ningún comentario: