7 de ago. de 2017

DEPORTES

PIRAGÜISMO

DÚAS MEDALLAS DE BRONCE PARA O CLUB DEPORTIVO MIÑO-TEIXUGAS

O Club Deportivo Miño-Teixugas obtivo o 3º lugar na recén estreada Liga Feminina de Slálom, premio Loterías del Estado, o que lle valeu un trofeo e un premio de 500€.

Informa (fotografías e redacción): Rosa Fernández Carrera

 A pasada fin de semana tivo lugar na canle de Alejico-Sabero, en León, o Campionato de España de Slálom, a última é máis importante das competicións da Liga Española de slálom olímpico. Foron dous días de infarto, con luces e sombras para o Club Deportivo Miño - Teixugas, que acudiu a evento con 9 deportistas que o deron todo ao longo das dúas xornadas. Esta competición, ademais de decidir os campións e campioas de cada categoría, tamén foron selectivas para formar parte da selección nacional de slálom, o que lle deu máis emoción se cabe. 

Luis Fernández

 En C2 sénior home a parella formada por Luis Fernández e Brais Castro foron terceiros, conseguindo a medalla de bronce da categoría.  

 En K1 Júnior Muller, Laura Vaquero rematou sexta e en K1 Cadete, Ariadna Pereira foi sexta. 

 En K1 Sénior  Muller, a máxima categoría, Andrea González rematou décimo terceira, Marina Ruedas décimo oitava e Laura Soutelo vixésimo cuarta, as tres moi orgullosas dos seus postos, xa que os seus estudos non lles permitiron apenas adestrar esta tempada. Das tres, Andrea foi a única que entrou no selectivo para o equipo nacional, pero non acadou praza nin en sénior nin en sub-23. 

Emilio Rodríguez

 En K1 Home Júnior, Marco Patiño foi décimo noveno. En K1 Home Veterano, Emilio Rodríguez, foi terceiro, conseguindo a segunda medalla de bronce do Campionato para o club. 

 E xa na máxima categoría, K1 Sénior Home, Manuel Ochoa rematou oitavo. Manuel tamén optou a formar parte do equipo sub-23, posto polo que loitou ata o final, pero que finalmente perdeu na última baixada, na que un pequeno erro nunha das portas fixo que perdera uns segundos que lle custaron o posto para o europeo sub-23 a favor do catalán Jordi Cadena. 

                                                                        Brais Castro

 En C1 Home Sénior, máxima categoría de canoa, Brais Castro fixo catro baixadas impresionantes, sen toques, que lle valeron un quinto posto e unha praza no equipo nacional de canoa sub-23 para o europeo a celebrar en Alemaña, dato este, aínda pendente de confirmar pola federación; na mesma categoría, Luis Fernández, que tiña serias aspiracións a medalla, rematou sexto, xa que non puido contar coa súa canoa, pa e material, pois a furgoneta que llos transportaba do Campionato do mundo de Bratislava, sufriu unha avaría e viuse obrigado a competir con material e barco prestado, o que repercutiu moi negativamente nos seus resultados, perdendo non so as posibles medallas, senón tamén o seu posto na selección absoluta de C1, Luis segue mantendo, sen embargo, praza na selección sub-23. 

 Na clasificación final por equipos o Club Deportivo Miño-Teixugas, rematou en sétimo lugar. E xa como remate da xornada, o club obtivo o 3º lugar na recén estreada Liga Feminina de Slálom, premio Loterías del Estado, o que lle valeu un trofeo e un premio de 500€. Este é un recoñecemento ó papel das deportistas femininas, que superan aos masculinos no Club Deportivo Miño-Teixugas, e como homenaxe a elas, vai un pequeno e ben merecido cambio de nome nesta nova e na cabeceira do blog do club.

GALERÍA DE IMAXES DA AUTORÍA DE ROSA FERNÁNDEZ CARRERA

Ningún comentario: