24 de ago. de 2017

OIA

As rutas etnoarqueolóxicas do Ano do Patrimonio continúan este domingo en Oia 

Trátase dunha ruta interpretativa que ten como tema central a tradición do traballo das redeiras da contorna

A alcaldesa, Cristina Correa, o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal - no centro da imaxe -, e o arqueólogo que guiará a ruta do domingo, Fran Alonso, na Praza da Centinela, de Oia
Foto: D.P.

Infogauda / Oia

 Oia acollerá o domingo día 27 de agosto, entre as 10:30 e as 14:00 h, a penúltima das cinco rutas etnoarqueolóxicas que o Departamento de Cultura e Lingua da Deputación de Pontevedra inclúe no marco do programa de actividades do Ano do Patrimonio. Trátase de rutas interpretativas que conectan o medio natural e o patrimonio dunha zona concreta coa tradición dunha técnica ou oficio. En Oia o tema central será a tradición do traballo das redeiras, e incluirá un percorrido por diversos elementos patrimoniais da contorna do mosteiro desta localidade, como son muíños hidráulicos, algunha aldea abandonada e antigos camiños empedrados. Así o fixeron público onte na presentación no mosteiro de Oia a alcaldesa, Cristina Correa, o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, e o arqueólogo que guiará a ruta do domingo, Fran Alonso. 

 "Estas rutas están espertando un gran interese entre a veciñanza dos lugares onde se realizan, e tamén entre persoas que xa teñen participado nas rutas anteriores, porque serven para recuperar prácticas e saberes que aínda permanecen na memoria de colectivos dunha zona, como é o caso das redeiras de Oia" asegurou Xosé Leal. O deputado indicou ademais que "estamos vendo que é unha forma moi atractiva de poñer en valor o noso patrimonio, e vemos tamén que a actividade está chegando a todo tipo de públicos e que crea conciencia sobre a riqueza da nosa provincia tanto a nivel natural, como paisaxístico e arquitectónico". Pola súa banda, a alcaldesa de Oia, Cristina Correa, indicou que "estamos moi de acordo con esta iniciativa da Deputación de poñer en valor a tradición e o oficio das redeiras, nun lugar tan emblemático como este". A rexedora referíase así á explanada que hai a carón do mosteiro de Oia, que é o lugar elixido para finalizar o roteiro e acoller a demostración sobre o arranxo de redes que realizarán as mulleres da Asociación de Redeiras do Baixo Miño. Cristina Correa, que anunciou que participará na actividade o vindeiro domingo, afirmou ademais que "o percorrido do roteiro, que sae do concello e termina diante do mosteiro, permitiranos coñecer e achegarnos a enclaves únicos e singulares".  

 A ruta partirá da Casa do Concello ás 10:30 horas e discorrerá por un percorrido de aproximadamente 7 quilómetros de dificultade baixa, o que o fai apto para todo tipo de públicos, rematando no mosteiro do século XII. Como guía actuará o arqueólogo Fran Alonso quen explicou que se trata dunha actividade que permite achegarse a "un territorio único, non só na provincia senón en toda Galiza, e no que se poderá coñecer ademais como os monxes do lugar organizaban o traballo vinculado ao mar e á pesca". A singularidade da zona reside en que se trata do único mosteiro a pé de mar e do único lugar onde poden recalar os barcos en Oia. Xusto ese lugar emblemático é o elixido para que, ao remate do percorrido, as mulleres da Asociación de Redeiras do Baixo Miño expliquen como eran as redes tradicionais antes da aparición do nylon e os traballos que levaban asociados, como o secado e o tintado. Esta actividade final tamén inclúe unha demostración de como se fan e se arranxan as redes, e as persoas asistentes que o desexen tamén poderán participar de xeito activo cosendo unha rede. A participación é gratuíta e é preciso realizar unha inscrición previa no teléfono do Concello de Oia 639 329 493.  

 Este programa de itinerarios comezara coa ruta sobre o mel e a cera de Forcarei, e seguira coa ruta da cantería en Cotobade e a da carpintería en Mondariz Balneario, e tras a das redeiras en  Oia, finalizará en Mos coa cerámica. Para todas se establece un límite de participación de 50 persoas, e o horario é de 10:30 a 14:00 h.  

 As rutas etnoarqueolóxicas entran no marco das técnicas de arqueoloxía experimental, cuxo obxecto é dar a coñecer o patrimonio histórico e natural de forma divulgativa e lúdica, pero sen perder o rigor e a perspectiva científica. Estas rutas están deseñadas a través de percorridos de escasa dificultade, e son guiadas por expertos que explican o contexto xeográfico, histórico e natural relacionado con cada unha das temáticas escollidas para cada experiencia. Todas as rutas finalizan cunha actividade explicativa sobre a materia, que no caso de Oia corre a cargo das redeiras da contorna.

Ningún comentario:

Publicar un comentario