27 de ago. de 2017

DEPORTES

XVIII SUPERCOPA DE ESPAÑA DE BALONMÁN FEMININO 

AS ENTRADAS PARA A SUPERCOPA XA ESTÁN Á VENDA


Infogauda / Deportes

 A Federación Galega de Balonmán acaba de anunciar que as entradas para a XVIII Supercopa de España Feminina xa están á venda. O partido enfrontará ao Mecalia Atlético Guardés e ao Rocasa Gran Canaria ACE o sábado 2 de setembro ás 18:00 horas na pista central do Complexo Deportivo das Travesas (Vigo).  

 A entrada será gratuíta para os menores de 14 anos, para adultos terá un prezo de 5 euros (anticipada) e de 7 euros en despacho de billetes. A entrada tamén será válida para a final da Copa Galicia Masculina que se disputará no mesmo escenario ás 15:45 h.  

 A oficina do club na Sangriña (A Guarda) -entre o luns 28/08 e o xoves 31/08 en horario de 18 a 21 h- será un dos puntos de venda de entradas. A sede da Federación Galega de Balonmán (Rúa Luis Ksado - Vigo) tamén terá entradas á venda. Ademais, poderase facer reserva online na dirección de correo electrónico entradasfgbm@gmail.com, indicando o número de entradas e o lugar e día de recollida (sede Federación, oficina Mecalia Atlético Guardés ou no despacho de billetes o día do evento). Para máis información, tamén está dispoñible o correo prensa@balonmanatleticoguardes.com  



 O Guardés xogará lonxe de casa a Supercopa, pero quere levar a toda a súa afección ás Travesas e converter o pavillón vigués no seu particular "inferno". O club poñerá a disposición dos seus simpatizantes autobuses para que poidan apoiar ao Mecalia na disputa do primeiro título da tempada.  O prezo da viaxe será de 5 euros por persoa e a data límite para anotarse na cantina ou na oficina da Sangriña é o xoves 31 de agosto ás 20:30 horas.  

 Os autobuses partirán desde o Pavillón da Sangriña ás 16:00 horas e o regreso está previsto para unha hora despois da finalización da Supercopa (ao redor das 20:30 horas).

Ningún comentario:

Publicar un comentario