21 de ago. de 2017

DEPORTES

PIRAGÜISMO

DOUS TEIXUGOS COA SELECCIÓN ESPAÑOLA NO CAMPIONATO DE EUROPA DE SLÁLOM JÚNIOR E SUB-23 

Brais Castro, Ainhoa Lameiro e Luis Fernández

Informa (fotografía e Redacción): Rosa Fernández Carrera

 Desde o xoves 17 ata o domingo 20 de agosto celebráronse na localidade alemá de Hohenlimburg  os Campionatos de Europa e Sub-23 de Slálom. Dous canoístas do club Deportivo Miño-Teixugos acadaron praza para formar parte da selección que representou a España. Luis Fernández e Brais Castro conseguiron no pasado Campionato de España de slálom superar os selectivos para esta competición, concretamente para a modalidade C1 Home sub-23. Ademais de eles dous, outra galega, Ainhoa Lameiro, do Club Penedo de Caldelas, tamén conseguiu superar os selectivos.  

 Luis Fernández tivo a súa primeira baixada o venres de mañá, quedando a apenas tres postos de entrar en semifinais, xa pola tarde tivo outra oportunidade, pero nesta ocasión baixou algo máis lento, quedando fóra de semifinais. O seus resultados están por debaixo das súas marcas habituais, probablemente debido a que se viu obrigado a competir cunha canoa “de prestado” a causa dun incidente que non lle permitiu o uso do seu material habitual. Na clasificación final acadou o trixésimo segundo posto.  

 Brais Castro fixo dúas boas mangas con apenas dúas penalizacións, pero algo lentas, e tampouco foi quen de facer semifinais. Rematou na trixésima posición.  
 A terceira representante galega no campionato Ainhoa Lameiro formou parte do equipo de K1 Júnior e tamén do de C1 júnior. En K1 Ainhoa non foi quen de entrar en semifinais, e acabou no posto trinta. En C1, na mañá do venres, conseguiu pase directo a semifinais na primeira manga cunha duodécima posición. Na mañá do domingo fixo unha boa baixada de semifinais, pero por apenas segundo e medio quedou fóra das finais. Rematou no décimo quinto posto.  

 O equipo español conseguiu neste campionato dúas medallas de ouro, para Laia Sorribes en K1 Júnior Muller e para Miren Miren Lazcano en C1 Sub-23 Muller, e unha de plata para o equipo español de patrullas en C1 Júnior Home. 

 Este volve a ser un ano con historia para o slálom galego grazas sobre todo ao traballo do Centro Galego de Tecnificación Deportiva, e iso a pesar de non contar con ningunha canle adecuada para este deporte na comunidade galega. A maioría vese obrigado a desprazarse máis de mil quilómetros para adestrarse na canle da Seu D´Urgell, outros, como Luis Fernández, optan por irse a vivir alí para poder manter un bo nivel de adestramento. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario