13 de ago. de 2017

A GUARDA

A XUNTA DIRECTIVA DA SOCIEDAD PRO-MONTE SANTA TECLA REUNIUSE 

Para considerar a posible disolución desa institución  


De esq. a der.: Florentina Andrés Álvarez, Antonio Martínez Vicente, Manuel Martín Goyás e Miguel Ángel Sobrino Blanco, na Xunta Extraordinaria da Directiva da Sociedad Pro-Monte Santa Tecla, celebrada o pasado xoves no salón de plenos da Casa do Concello de A Guarda
Foto: C.A.G.

Infogauda / A Guarda

 O pasado xoves día 10 de agosto de 2017, celebrouse no salón de plenos da Casa do Concello da Guarda unha Xunta Extraordinaria da Directiva da Sociedad Pro-Monte Santa Tecla, cun único punto na orde do día relativo á disolución da Sociedade. Asistiron á convocatoria os membros da última directiva elixida no ano 1979: o presidente en funcións, Antonio Martínez Vicente; o tesoreiro Manuel Martín Goyás e os vogais Florentina Andrés Álvarez e Miguel Ángel Sobrino Blanco.   

 O secretario Jesús Alonso Álvarez, pola súa parte, escusou a súa ausencia por ter sufrido un accidente doméstico, segundo explicou o presidente. Amais dos membros da directiva, estiveron presentes no acto o alcalde da Guarda, Antonio Lomba Baz, como testemuña, e o historiador Joaquín Miguel Villa Álvarez, en calidade de asesor.   

Cuestións sobre a disolución dunha Sociedade centenaria 

 A necesidade da Xunta Extraordinaria viña dada, segundo expuxo o presidente en funcións, pola  “irregular” situación da Sociedade, que a pesar de non ter presentado actividade durante máis de 38 anos, nunca chegou a disolverse. Deste xeito, a institución conserva a súa personalidade xurídica, cun patrimonio material ao seu nome e a presidencia do Padroado do Hospital-Casa-Asilo da Guarda (propietario do edificio do actual Centro Cultural), cargo que ostenta o presidente da Sociedad Pro-Monte Santa Tecla.   

 Antes de dar a palabra aos membros da Directiva, Antonio Martínez fixo constar a súa vontade de dar á institución un “epílogo honroso, á altura do prestixio da institución, dos seus fundadores e de as persoas que a dirixiron durante tantos anos” toda vez que os fins para os que foi creada xa se tiñan logrado. Neste sentido, e seguindo o establecido no artigo 34 dos seus Estatutos, propuxo como mellor e única maneira de garantir a conservación do legado da Pro-Monte a cesión en depósito de todos os bens ao Concello guardés. 
  
 Nesta mesma liña pronunciouse a vogal Florentina Andrés, ao considerar que o Concello sería a institución máis axeitada para xestionar o patrimonio en caso de disolución, mais insistiu na súa vontade de dar a coñecer as pretensións da Xunta Directiva ao pobo da Guarda, a fin de que o proceso de disolución se levase a cabo con transparencia e publicidade.   

 En liñas xerais, Manuel Martín manifestou o seu desexo de chegar a unha solución pronta e sinxela que poña fin á actual situación da Sociedad Pro-Monte. Así, o tesoreiro manifestou a súa intención de apoiar a disolución, sempre que esta sexa a mellor opción para a institución e para o mantemento dos seus bens.  

 Pola súa parte, o vogal Miguel Ángel Sobrino defendeu a posibilidade de “reavivar” a Sociedade, de xeito que outras saídas distintas á disolución deberían ser contempladas.   

 A fin de tomar unha decisión sobre o destino da Sociedad Pro-Monte Santa Tecla e o seu patrimonio, os membros da Directiva acordaron continuar coa Xunta Extraordinaria o luns 21 de agosto nas instalacións do Concello da Guarda, onde se votará a proposta de disolución exposta polo seu presidente, Antonio Martínez Vicente. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario