7 de xul. de 2026

A GUARDA

SOS Tomiño Baixo Miño e Érguete Baixo Miño renovan o seu convenio de colaboración para o reparto de alimentos


No encontro participaron os presidentes das dúas entidades, Miguel Ángel Rodríguez Velasco, presidente de Érguete Baixo Miño,  e José Quinteiro Domínguez, presidente de SOS Tomiño Baixo Miño
Foto: Cedida

Infogauda/A Guarda

 As asociacións SOS Tomiño Baixo Miño e Érguete Baixo Miño renovaron o pasado luns, 6 de xullo, o convenio de colaboración que ambas entidades manteñen para coordinar o reparto de alimentos ás persoas e familias que máis o precisan na comarca.

 A sinatura da renovación tivo lugar na localidade da Guarda, nas instalacións das que dispón Érguete Baixo Miño nese concello. No encontro participaron os presidentes das dúas entidades, Miguel Ángel Rodríguez Velasco, presidente de Érguete Baixo Miño,  e José Quinteiro Domínguez, presidente de SOS Tomiño Baixo Miño.

 Este convenio reafirma o compromiso de ambas asociacións coa atención ás persoas en situación de vulnerabilidade, fortalecendo a colaboración entre as dúas entidades para optimizar os recursos dispoñibles e garantir un reparto de alimentos máis eficaz e coordinado.  

 A renovación deste acordo consolida unha liña de traballo conxunta que contribúe a dar resposta ás necesidades sociais da comarca do Baixo Miño, reforzando os valores de solidariedade, cooperación e apoio ás persoas que atravesan situacións de dificultade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario