17 de ago. de 2017

A GUARDA

XI Festival de Bandas Vila da Guarda e Festa de San Roque: a música como protagonista na fin de semana



Infogauda / A Guarda

 O verán continúa na Guarda cunha programación cultural para todos os públicos durante a fin de semana, coa celebración da tradicional Festa de San Roque e unha nova edición do Festival de Bandas “Vila da Guarda”. Ademais, na noite deste xoves continúan as visitas teatralizadas polo casco histórico da vila, namentres este sábado e domingo repetiranse as visitas guiadas ó Monte Santa Trega.



 Este venres dará comezo a Festa na honra de San Roque na parroquia de Salcidos, coa celebración dunha churrascada amenizada polo Dúo D3 a partir das 21.00 horas. A romaría continuará o sábado, co pasacalles a cargo de Treboada Baixo Miño e, xa pola noite, a gran verbena coa actuación das orquestras Capitol e Yucatán.

 Tamén o sábado, no Auditorio de San Bieito, terá lugar o XI Festival de Bandas “Vila da Guarda”. O concerto comezará as 20.00 horas e contará coa participación de dúas bandas galegas con moita tradición no noso país: a  ourensá “A Lira de Ribadavia” e a Banda de Música de Chantada (Lugo), amais da Agrupación Musical da Guarda, organizadora do evento.

O domingo, derradeiro día das Festas de San Roque,  celebrarase a misa na honra do santo, precedida pola presentación da Agrupación Musical de Taboexa na Praza do Coruto. Despois do acto relixioso, a agrupación ofrecerá un concerto no recinto das festas e, xa pola tarde, será a quenda das tradicionais poxas e a actuación dun grupo musical que porá fin aos tres días de celebración na parroquia guardesa.

Outras actividades semanais
 Para coñecer dun xeito diferente e entretido a nosa vila e a súa historia, esta noite continúan as visitas teatralizadas da man da compañía Os Quinquilláns polo casco histórico, con saída dende a Praza da Igrexa ás 21.00 horas.

 As visitas guiadas ó Monte Santa Trega tamén se repetirán este sábado e domingo, con saídas dende o MASAT ás 12.30 e ás 17.00 horas. O percorrido, de 90 minutos de duración, inclúe unha visita ó Museo Arqueolóxico e ó Castro de Santa Trega.

 Para completar o coñecemento sobre o noso monte, a historia do primeiro museo arqueolóxico de Galicia e a importancia do legado da Sociedade Pro-Monte, compre visitar  a exposición “Viaxando pola historia, cen anos do MASAT”, que permanecerá aberta en horario de mañá (12.00 a 14.00 horas) e tarde (19.00 a 22.00 horas) ata o sábado, namentres o domingo poderá visitarse en horario de mañá.

Ningún comentario:

Publicar un comentario