19 de xul. de 2017

LABORAL.

O comité do mantemento de parques e xardíns de Vigo inicia as protestas contra os incumprimentos de Valoriza

A representación do persoal levou a cabo unha ruidosa concentración diante das oficinas da concesionaria

O comité de empresa de Valoriza, concesionaria do mantemento de parques e xardíns do Concello de Vigo, iniciou hoxe as mobilizacións

Infogauda / Vigo

 O comité de empresa de Valoriza, concesionaria do mantemento de parques e xardíns do Concello de Vigo, iniciou hoxe as mobilizacións ante os reiterados incumprimentos da dirección, que se nega a facilitar a información que solicita a representación do persoal e está a levar a cabo cesión ilegal de traballadores/as.

 As protestas tiveron lugar, tal e como decidiron onte os traballadores/as en asemblea, diante das oficinas da concesionaria municipal, na rúa Manuel Núñez, onde os delegados/as do comité despregaron unha faixa e fixeron ruído cun bombo e con bucinas. Ademais, berraron consignas como “Nesta concesión falta información” e “Menos horas extra e máis contratacións”.  

 Denuncian Valoriza négase a facilitar información económica, de absentismo ou sobre os contratos, tal e como establece o artigo 64 do Estatuto dos Traballadores/as. Ademais, está a facer cesión ilegal de traballadores/as, obrigando a un condutor de camión a trasladarse até o concello de Poio, onde a empresa ten outra concesión. “E cando o presidente do comité lle dixo á dirección que non podían facelo cambiaron o condutor e mandaron outro no seu lugar”, critican. Diante disto, presentaron reiteradas denuncias diante da Inspección de Traballo, que instou a empresa a informar ao comité, “pero seguimos agardando”.

Deterioro do servizo  

 Ao mesmo tempo, a representación sindical denuncia o deterioro do servizo como consecuencia da falta de persoal, até o punto de que a empresa está a utilizar a xardineiros/as como socorristas nas piscinas para non ter que contratar máis empregados/as. “Hai zonas verdes sen matemento e sen regar axeitadamente” como consecuencia da falta de contratación, circunstancia que está detrás do peche dunha das piscinas de Samil. “Non é por unha avería como din os responsábeis municipais, senón que se debe a que non queren contratar ás tres persoas que serían necesarias para mantela aberta”.
  
A representación sindical denuncia o deterioro do servizo como consecuencia da falta de persoal


 De feito, sinalan que a empresa utiliza a xardineiros/as que teñen titulación de socorrista para vixiar as piscinas, en lugar de contratar os 17 traballadores/as para esta función que fixa o prego de condicións. Segundo os cálculos que manexan, dos 110 empregados/as da concesionaria, “unicamente menos de 40 estarían en activo nestes momentos na cidade”.  

 Por todo isto, este xoves as protestas continuarán diante da empresa de 11:00 a 11:30 horas e a continuación trasladaranse até o Concello, onde permanecerán até as 12:00 horas. Está previsto que as mobilizacións se celebren a diario até lograr que a dirección atenda as súas demandas.   

Ningún comentario:

Publicar un comentario