26 de xul. de 2017

CULTURA

Preséntase en Ourense o libro da colección Letras Galegas dos Bolechas adicado a Carlos Casares   

• Carlos Casares é o terceiro conto da colección As miñas primeiras Letras Galegas, tras Eduardo Pondal e Curros Enríquez    

• O libro adicado ao autor foi presentado hoxe no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” da Deputación de Ourense 

O Centro Cultural “Marcos Valcárcel” de Ourense acolleu a presentación do terceiro título da colección As miñas primeiras Letras Galegas adicado ao autor Carlos Casares

Infogauda / Ourense

 O Centro Cultural “Marcos Valcárcel” de Ourense acolleu a presentación do terceiro título da colección As miñas primeiras Letras Galegas adicado ao autor Carlos Casares, no que colabora a Deputación de Ourense. No acto participaron, ademais do editor, Antonio Couto, José Manuel López, director comercial de Caixa Rural Galega; Lara Bacelo, da Fundación Carlos Casares; Víctor Freixanes, presidente da Real Academia Galega; Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística e o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, quen asegurou que o libro supón “unha excelente maneira de transmitir a nosa lingua, lembrando a memoria dun dos grandes das nosas letras, como é Carlos Casares”.  

 O presidente do goberno provincial asegurou que este é “un paso máis para seguir difundindo entre os máis xóvenes a figura de Carlos Casares”, e destacou que a Deputación de Ourense está a traballar con Edicións Bolanda no que será o Museo dos Bolechas, “unha instalación que relacionará a infancia e a nosa lingua, e que será un punto de atracción que constituirá un referente interactivo, innovador e novidoso para promover a lingua galega entre os máis novos”.  

 O libro adicado a Casares 

 Este título enmárcase na nova colección dos Bolechas destinada a dar a coñecer á cativada os persoeiros aos se lles dedicou o Día das Letras Galegas: quen son, que fixeron e por que son moi relevantes para as nosas letras. Como é habitual, Pepe Carreiro bota man da popular familia para chegar á infancia dun xeito divertido á vez que didáctico. Para iso converte unha das obras de cada autor nun entretido conto no que o lector vai descubrindo quen é o personaxe ao tempo que goza dunha aventura típica dos Bolechas.  

 No caso de Carlos Casares, elixiuse un conto do libro Vento ferido titulado A rapaza do circo. É unha historia de amor entre un neno galego e unha rapaza francesa trapecista que chega á vila co circo. Pero o final é un pouco triste… así que Sonia –o personaxe que narra esta historia– cambia o disfrace de Casares e pon o de xefa de estación para contarnos que ao autor gustábanlle moito os trens…  

 Algúns dos termos máis complexos utilizados en cada tomo, –que inclúe pasaxes literais da obra orixinal– son explicados ao final a xeito de sinxelo dicionario para permitir unha maior comprensión. Ademais, inclúese unha breve biografía do autor homenaxeado en cada libro así como un repaso das súas principais obras.  

 Diversión e aprendizaxe en galego 

 A colección conta co apoio da Real Academia Galega, cuxo presidente destacou hoxe o enorme valor deste tipo de iniciativas de cara a relanzar a lingua e a literatura galegas entre os máis novos, idea na que incidiu tamén o secretario xeral de Política Lingüística. Valentín García recordou as diversas iniciativas desenvolvidas conxuntamente coa familia Bolechas nos últimos anos de cara a encher o tempo de lecer da rapazada galega de cultura e diversión no seu idioma propio, unha liña que segue esta nova colección que conta xa con cinco títulos no mercado e que continúa ampliándose. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario