6 de xul. de 2017

CULTURA

‘Os papeis do vello mariñeiro’, obra póstuma de Neira Vilas, dálle voz a un navegante galego alén mar 

O secretario xeral de Política Lingüística participou hoxe na presentación deste sexto título neiraviliano, composto por máis de 60 relatos, editado por Bolanda


Xosé Neira Vilas, no Hotel El Molino, na praia de Camposancos (A Guarda) nunha das súas estadías na compaña de Anisia Miranda
Foto tomada o 07.07.2005: Arquivo Infogauda 


Infogauda / Santiago de Compostela


 ‘Os papeis do vello mariñeiro’, máis de 60 historias de mariños mercantes galegos que Xosé Neira Vilas recompilou e deixou inéditos, dálle voz a un navegante galego alén mar: un personaxe dunha aldea do interior de Galicia, labrego, fillo e neto de labregos, que ao morrer deixa nun pallal esquecidos moitos dos recordos da súa vida de navegante.
 Esta obra póstuma neiraviliana, a sexta que sae do prelo da man de Edicións Bolanda, presentouse hoxe ao serán nun acto no que participou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, quen quixo ter unha sentida lembranza para o autor, falecido en 2015, e destacar que “volve a ilustrar con palabras o espírito da Galicia máis auténtica dun xeito maxistral”.
 O acto contou tamén coa participación do editor, Antonio Couto; do presidente da Fundación Xosé Neira Vilas, Luís Reimóndez; e do secretario da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo.




‘Os papeis do vello mariñeiro’



 Neira Vilas ofrece, a través de entretidos contos e do personaxe do vello mariñeiro, unha clarificadora visión dun mundo moi descoñecido: o dos mariñeiros que pasan longas tempadas en alta mar percorrendo lugares do máis diverso e coñecendo países, xentes e culturas ben diferentes á propia. Experiencias que conforman unha forma de ser moi particular e que o autor transcribe nestes “papeis” póstumos para que poidamos coñecer mellor o vello mariñeiro galego e as súas peripecias polo mundo adiante nun tempo non moi afastado pero ben diferente ao actual.

 A publicación intégrana máis de 60 relatos acompañados de cadansúa ilustración de Alberto Fernández, autor tamén da imaxe da capa. Trátase do sexto título do autor editado por Bolanda, tras “Xosé Neira Vilas: Memoria Gráfica” (2013), “Díaz Pardo. Crónica dunha fecunda amizade” (2014), “Semente Galega en América” (2015), “Contos vellos para rapaces novos” e “Quique na aldea” (2016).

Xosé Neira Vilas



 Xosé Neira Vilas (1928-2015) foi membro numerario da Real Academia Galega, Doutor Honoris Causa polas universidades da Coruña e da Habana e fillo predilecto do Concello de Vila de Cruces. Entroutros galardóns recibiu a Medalla Castelao, o Premio Laxeiro, o Pedrón de Honra, o Premio Trasalba, o Premio da Crítica Española (novela en galego) e o da Crítica Galega (ensaio). O Premio Otero Pedrayo 2013 recoñeceu de maneira unánime a súa contribución á cultura galega e recibiu, da man da Xunta de Galicia e do Goberno galego, o Premio da Cultura Galega das Letras 2014 e a Medalla de Ouro de Galicia 2015.

 Logo de residir e levar a cabo un importante labor cultural e lingüístico en América durante 43 anos, regresou a Galicia en 1992 para vivir na súa casa natal de Gres, onde instituíu canda á súa dona, Anisia Miranda, a fundación que leva o seu nome e desde a que el mesmo lle deu continuidade ao activismo cultural que iniciou na emigración. Tras o seu pasamento, o pasado mes de novembro, esta fundación é hoxe a depositaria da súa obra e a continuadora do seu legado.
 Foi en vida e segue sendo, sen dúbida, un dos escritores clásicos da literatura galega, na que destacou como autor inaugural da literatura infantil e xuvenil coa obra ‘Memorias dun neno labrego’ (a novela galega que contabiliza máis reedicións e traducións ata os nosos días). Deu ao prelo máis de 60 obras e exerceu de infatigable colaborador de prensa, así como de impulsor e colaborador asiduo de múltiples actividades de interese para lingua e para a cultura galegas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario