5 de xuño de 2017

PONTEVEDRA

A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA CELEBRARÁ ESTE SÁBADO O DÍA MUNDIAL DO MEDIO AMBIENTE CUN REPARTO MASIVO DE COMPOST E PLANTAS  

O vicepresidente Mosquera manifestou que a finais de mes o corpo de funcionarios do Plan Revitaliza estará xa operativo 

“Agardamos que este ano algún concello da provincia xa estea compostando ao 100% os seus residuos orgánicos”  

César Mosquera, vicepresidente da Deputación de Pontevedra
Foto: D.P.

Infogauda / Pontevedra

 A Deputación de Pontevedra celebrará este sábado día 10 o Día Mundial do Medio Ambiente (que oficialmente é hoxe día 5 de xuño) cun reparto masivo de compost e plantas. Repartiranse, totalmente de balde, 4.000 lotes entre a veciñanza que se achegue á Praza da Ferreiría de Pontevedra entre as once da mañá e a unha da tarde.   

 Segundo explicou o vicepresidente Mosquera, a intención é que os e as cidadáns comproben de primeira man a calidade do compost producido nos composteiros instalados nos concellos da provincia a partir do lixo orgánico que se xera nas casas.  “Despois de moitos esforzos acadamos unha cantidade de compost suficiente para poder facer un grande reparto público. Pero non foi fácil, porque na maior parte das ocasións o compost xa estaba comprometido para hortas, colexios…”, subliñou.  

 Finalmente disporase más de dúas toneladas de compost (equivalente a uns 4.000 litros) para repartir e, de xeito paralelo e para completar o proceso, o Concello de Pontevedra colaborará co evento entregando 4.000 plantas de temporada (xeranios, alegrías, petunias,…).  

 O reparto será de 11 da mañá á unha da tarde do vindeiro sábado día 10 na Praza da Ferreiría, onde se instalará unha carpa e varios stands que serán atendidos polos mestres e mestras composteiros da Deputación de Pontevedra. Estes respostaránas dúbidas dos asistentes sobre a compostaxe e sobre como utilizar o compost como fertilizante. Por outra banda, tamén se instalará un panel explicativo no que se mostran as tres fases do proceso que pasa o lixo orgánico que chega aos centros de compostaxe comunitaria para finalmente se converter en compost.   

 FUNCIONARIOS E NOVA OFICINA 
 O vicepresidente Mosquera aproveitou a súa comparecencia para confirmar que hoxe se coñecerán as últimas notas do proceso selectivo de persoal funcionario interino para o Plan Revitaliza nas categorías A2 e C1 (técnicxs e mestres composteirxs). “A partir de agora temos un corpo de funcionarios que permitirá darlle para adiante a Plan Revitaliza e, se cabe, traballar aínda con máis potencia. Podemos dicir que, se simplemente segue así, vai como un foguete”, subliñou.  

 A incorporación do novo persoal como funcionario realizarase a mediados deste mes, e os novos bolseiros que se están a preparar na ‘Facultade da Compostaxe’ farano o próximo 1 de xullo, xa que aínda resta por realizar un exame final.   

 Ao mesmo tempo, estase a poñer en marcha a oficina na que se xestionará administrativamente o plan de compostaxe, xa que foi preciso que a Deputación alugase un local na rúa Gagos de Mendoza número 2, que terá un custe de 1.080 euros mensuais.  

 RESULTADOS 
Mosquera indicou que a implantación da compostaxe é un proceso que cualificou como “irreversible” e manifestou as súas expectativas de que este ano algún dos concellos adheridos ao Plan Revitalizana provincia composte ao 100% os seus biorresiduos (restos de comida e vexetais).  

 O vicepresidente indicou que en liñas xerais a implantación da compostaxe nos concellos está indo moi ben. Segundo asegurou, o comportamento veciñal está a ser exquisito e as incidencias, que sempre foron escasas, cada vez van baixando máis. En canto ás analíticas do compost, subliñou que a calidade do fertilizante é moi alta e está acadando resultados “non documentados” pola súa cantidade de nitróxeno, o que significa que aporta ao solo condicións físicas, químicas e biolóxicas máis que axeitadas para calquera plantación.   

 Por outra banda, Mosquera sinalou que todas as unidades de centros de compostaxe comunitaria da Deputación están xa comprometidas e hai peticións de moitas máis. Asegurou, así mesmo, que os resultados están xa sendo manifestos: “Estamos recollendo información e só cos centros de compostaxe que están instalados, os concellos están a baixar os envíos de lixo a Sogama, co que isto supón”, asegurou, en relación ao custe de tratamento por tonelada e á posibilidade de reducir a frecuencia do transporte e baleirado de colectores.  

 “Había unha demanda social. Estase a demostrar. Había cidadáns que estaban agardando algo así, un proxecto para a xestión de lixo no que as sobras, os biorresiduos se aproveitasen e non se mandasen a queimar. De non ter habido esa demanda social este plan non estaría a ir tan ben como está”, finalizou.

Ningún comentario:

Publicar un comentario