27 de xuño de 2017

LABORAL

A UTE da ponte de Rande obrigará as subcontratas a cumprir o convenio en materia salarial e de xornada 

A CIG arrincoulle o compromiso na reunión celebrada hoxe tras a ocupación da obra a semana pasada

A imaxe reflicte á ocupación da obra á pasada semana por membros da CIG
Foto: CIG

Infogauda / Chapela

 A UTE Dragados-Grupo Puentes, que se encarga das obras de ampliación da ponte de Rande, trasladoulle á CIG que fará que as subcontratas que se encargan dos traballos cumpran o convenio en materia de xornada e de salario. O compromiso foille arrincado pola federación da Construción durante a xuntanza mantida hoxe a instancias das propias empresas tras a ocupación simbólica das obras por parte da central a semana pasada para denunciar as condicións laborais dos traballadores/as.     

 Na reunión que tivo lugar na sede da UTE en Chapela participaron o secretario nacional da CIG-Construción, Xoán Xosé Melón, e o comarcal da federación en Vigo, Carlos Méndez. Ao remate do encontro, no que polas empresas interviñeron o xerente e os responsábeis de seguridade e administración, os representantes sindicais explicaron que a compañía solicitou un prazo de tres semanas para transmitirlles ás arredor de 40 subcontratas que hai nas obras que teñen que cumprir o convenio provincial da construción en materia salarial e de xornada.  

 “Nun principio a UTE pretendía 'resucitar' a comisión de seguimento dos traballos que foi creada a instancia nosa e que abandonamos porque non lle mirabamos utilidade, pero dixémoslle que primeiro deben de tomar medidas e demostrar que teñen vontade de regularizar a situación”, indican dende a CIG-Construción. Deste xeito, trancorridas as tres semanas da prazo a central comprobará o grao de cumprimento dos compromisos adquiridos, en concreto a realización de xornadas laborais de oito horas e o pago conforme ao establecido no convenio.  

 “Tamén lles deixamos claro que non poden pagar por hora, senón por mes como fixa o convenio, e que o teñen que facer mediante transferencia bancaria para saber exactamente canto cobra cada empregado/a e evitar deste xeito que se siga a cometer fraude á Seguridade Social e a Facenda”. Ao mesmo tempo, as compañías entregaránlle á CIG un listado con todas as subcontratas que interveñen nas obras na que tamén figurará o número total de traballadores/as.

 Nova relacionada

Ningún comentario:

Publicar un comentario