9 de xuño de 2017

CULTURA

Os Premios Frei Martín Sarmiento chegan á súa XIII edición recoñecendo o labor dos escritores galegos 

Este ano foron galardoados os traballos de Cé Orquestra Fantasma, Pinto & Chinto, Xan López Domínguez, Xabier López López, Xosé Lois Ripalda, Ann Alfaya e María Solar 

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou esta tarde na entrega destes recoñecementos que outorgan Ferega-Ceca e a Consellería de Cultura e Educación  

No acto, celebrado na Cidade da Cultura de Galicia, entregáronse tamén os premios REC.Curta de audiovisual


Infogauda / Santiago de Compostela

 O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou esta tarde, na sala Eisenman da Cidade da Cultura de Galicia, na entrega dos Premios Frei Martín Sarmiento e REC.Curta que convocan a Consellería de Cultura e Educación e mais a Federación Española de Relixiosos do Ensino de Galicia-Centros Católicos (Ferega-Ceca).
 O secretario xeral valorou o feito de unir nun mesmo acto a entrega de premios a dúas maneiras de contar historias: “a da literatura, que, dende hai moitos séculos, prende o ser humano na maxia da palabra; e a do audiovisual, signo dos novos tempos, cuxa linguaxe narrativa cómpre dominar para moverse con soltura neste século XXI”. Valentín García incidiu no feito de que as novas xeracións “deben coñecelas e aprender a crear e a desfrutar en galego da unha e da outra”.
 O responsable de Política Lingüística estivo acompañado neste acto por Juan Manuel Buján, presidente de Escolas Católicas de Galicia.

 Premios Frei Martín Sarmiento

 Os premios Frei Martín Sarmiento, que chegan este ano á súa décimo terceira edición, recoñecen obras literarias en galego seleccionadas polo alumnado e as familias dos centros que integran Ferega-Ceca.
 Desta volta, as escollidas foron Fíos do querer, de Cé Orquestra Fantasma (na categoría de educación infantil); A estrambótica Illa do tesouro, de Pinto & Chinto (1º e 2º de primaria); Viaxe a Dragonia, de Xan López Domínguez (3º e 4º de primaria); O home que sabía voar, de Xabier López López (5º e 6º de primaria); Inspector Chumbo, de Xosé Lois Ripalda (1º e 2º de ESO), A cea das enaguas, de Ann Alfaya (3º e 4º de ESO) e As horas roubadas, de María Solar (bacharelato e adultos).

 Colaboración a prol do uso do galego

 Ferega-Ceca vén impulsando dende hai anos os premios frei Martín Sarmiento e os premios REC.Curta, un concurso de curtametraxes en galego, con temática de ficción, para alumnos e alumnas de ensino secundario obrigatorio, bacharelato e formación profesional. Conta para iso coa apoio da Consellería de Cultura e Educación, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, con quen ten un convenio de colaboración que inclúe, a canda estes premios, diversas iniciativas de promoción do galego entre o persoal e o alumnado dos centros da federación.

Ningún comentario:

Publicar un comentario