10 de xuño de 2017

SALCEDA DE CASELAS

A Xunta de Galicia somete a información pública o proxecto de construcción da senda peonil e ciclista na estrada PO-411, en Parderrubias, no Concello de Salceda de Caselas 

O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, xunto co delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, presentou ao alcalde deste municipio o itinerario que conta cunha lonxitude de 2.130 metros

O director da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), Francisco Menéndez, xunto co delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, presentou esta mañá ao alcalde de Salceda de Caselas, Marcos Besada

Infogauda / Salceda de Caselas

 O director da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), Francisco Menéndez, xunto co delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, presentou esta mañá ao alcalde de Salceda de Caselas, Marcos Besada, o itinerario peonil e ciclista na estrada autonómica PO-411, en Parderrubias, que a Xunta ten proxectado neste municipio pontevedrés e que será cofinanciados ao 80% por el Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.
 O Goberno galego somete a información pública o proxecto de construción e a relación de bens afectados, tal e como se publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG). No seguinte enlace pódese ampliar a información relativa a este anuncio: https://goo.gl/aQb5EO.
 A actuación consiste na execución dunha senda de algo máis de 2.130 metros para uso de peóns e ciclistas no Concello de Salceda de Caselas no tramo da PO-411 entre o acceso ao IES Pedras Rubias, na travesía de Parderrubias, e o enlace coa PO-510 nas proximidades da capitalidade do concello de Salceda de Caselas.
 Francisco Menéndez explicou que a senda se inicia en Parderrubias, no Pq. 4+280 da PO-411, e contará cun pequeno treito adicional no vial de acceso ao IES Pedras Rubias. Desde o acceso ao devandito centro ata o enlace coa PO-510 (Pq. 6+070) a senda construirase pola marxe esquerda, pasando de novo á dereita nos últimos tramos (ata o Pq. 6+300, aproximadamente).
 A sección tipo da senda contará con 2 metros de ancho e separarase da calzada por medio dunha banda axardinada de 0,5 metros e os correspondentes bordos de separación. Como obras complementarias destacan a ampliación do paso sobre o regato de Landres, a mellora das interseccións e accesos ás vivendas, así como a colocación dunha canalización para a recollida de augas de drenaxe e a reposición de varios tramos do colector de saneamento que se verán afectados.
 O proxecto de construción sométese ao trámite de información pública para que as persoas que o consideren oportuno poidan formular por escrito, ante a Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), as observacións que crean convenientes relativas á concepción global do trazado deseñado. Tamén se somete a información pública a relación dos 93 bens afectados pola realización da obra correspondente, para que os titulares das fincas presenten cantas alegacións ou rectificacións consideren convenientes. O prazo de alegacións abrangue dende o vindeiro 12 de xuño ata o 27 de xullo.

 Plan de Sendas

 O proxecto de construción deste itinerario, enmarcado na primeira fase do Plan de Sendas de Galicia, na comarca de Vigo, ao que a Xunta está a destinar 3,9 millóns de euros para a execución de 9 proxectos que recollen 11 treitos de sendas en estradas autonómicas identificados como prioritarios. Concretamente, esta senda peonil e ciclista de Salceda de Caselas define unha das que obtiveron maior puntuación na análise multicriterio realizado no estudo de “Fomento da mobilidade sostible: Sendas peonís e/ou ciclistas na comarca de Vigo”.
 A Xunta está a executar este tipo de actuacións coa fin de promover unha mobilidade máis sustentable, favorecendo modos de desprazamento menos contaminantes e alternativos á utilización do vehículo particular, porque estas sendas permitirán que os usuarios poidan facer desprazamentos cotiáns andando ou en bici dun xeito seguro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario