12 de xuño de 2017

A GUARDA

A VILA GUARDESA CONMEMOROU O I CENTENARIO DO MUSEO ARQUEOLÓXICO DO MONTE SANTA TREGA

O evento constituiu unha homaxe a Sociedad Pro-Monte Santa Tecla, artífice do desenvolvemento cultural, económico e turístico de A Guarda


Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda

 O sábado día 10 de xuño de 1917, foi a data oficial da creación do Museo Arqueolóxico do Monte Santa Trega, promovido por D. Pacífico Rodríguez, directivo da Sociedad Pro-Monte Santa Tecla. Dende aquel día ata o sábado 10 de xuño de 2017, pasaron obviamente, 100 anos. Esa efeméride non pasou desapercibida, porque así o quixeron ás persoas que desde o Concello de A Guarda, tiveron a ben promover a conmemoración do I Centenario do Museo que a benemérita Sociedad Pro-Monte impulsou logo das primeiras exvacacions no xacemento arqueolóxico do Monte Santa Trega.

 Os actos dese I Centenario do Museo Arqueolóxico do Monte Santa Trega foron sobrios e moi dignos. O evento comezou na Casa dos Alonso, con unhas verbas de benvida, a cárrego de Manuel Javier Crespo González, concelleiro de Patrimonio do Concello de A Guarda, quen a súa vez presentou ao historiador guardés Joaquín Miguel Villa Álvarez, Doctor en Historia Contemporánea, autor de numerosas publicacións, entre elas a correspondente a investigación máis exhaustiva sobre a Sociedad Pro-Monte Santa Tecla, desde súa fundación ata 1979, obra editada en tres tomos, quedando pendente a 4ª parte da mesma, que comprenderá desde 1980 ata hoxendía.


 Joaquín Miguel Villa comezou súa intervención relembrando a orixe da "(...) Sociedad Pro-Monte Santa Tecla, unha asociación de guardeses creada en 1912 para levar a cabo a restauración, protección e embelecemento do elemento máis característico da localidad: o monte Santa Trega. 

 Sen embargo, como hoxe sabemos, a súa obra tivo un alcance moitísimo maior do que previran os seus fundadores, de tal xeito que cambiou para sempre a idiosincrasia desta pequena localidade costeira do sur de Galicia. A propia Sociedade Pro-Monte convertuse deste xeito na principal asociación guardesa de todos os tempos, e sen dúbida unha das iniciativas ambientais, arqueolóxicas, culturais e turísticas máis importantes de Galicia, e mesmo de España. Por iso recibe hoxe unha homenaxe tan especial. O levantamento dun monumento na Praza Maior da localidade, a Praza do Reló. Con este recoñecemento institucional estase a homenaxear tamén os 110 directivos que durante 70 anos loitaron de maneira absolutamente altruista por facer realidade  este legado, sen outra motivación que o seu cariño ao monte Santa Trega e ao seu pobo (...)".


 Co complemento dunha proxección de imaxes fotográficas daquela época, Villa Álvarez repasou "(...) doce razóns polas que esta asociación é merecedora indiscutible deste recoñecemento (...)", salientando que "(...) efectuaron a repoboación forestal do monte (1912-1919); abriron a estrada de subida ao monte (1913-1916); crearon unha rede de atallos e sendeiros (1917-1918); urbanizaron o cumio do monte (1915-1917); ampliaron o patrimonio relixioso do Trega cun novo Vía-Crucis (1924-1940); estableceron unha corrente turística de alcance internacional; crearon a Festa do Monte (1913); crearon a primeira biblioteca pública da Guarda (1921); xestionaron a instalación do Hospital-Casa Asilo da Guarda (1918 -...); converteron ao Trega nun referente arqueolóxico internacional (1914-...); protagonizaron as primeiras divulgacions arqueolóxicas (1914-1927); e crearon o Museo Arqueolóxico de Santa Trega (1917) (...)".
  

  De toda esa inxente labor desenvolvida pola Sociedad Pro-Monte Santa Tecla, o activo historiador ofreceu unha amena síntese para concluir decindo: "(...) Por todo isto podemos afirmar, sen temor a equivocarnos, que na historia da Guarda existe un antes e un despois da Pro-Monte. E a clave deste éxito sen precedentes radica, ao meu modesto entender, en que aquela excepcional xeración de guardeses tiña unha idea do que debía ser A Guarda, unha idea pola que loitaron e sobre a cal cimentaron o seu orgullo de sentirse guardeses. Ese é o esprito da Pro-Monte, unha expresión que acuñamos xa no ano 2004, consistente nunha vocación de servizo público que xira en torno ao monte Santa Trega; un espíritu que hoxe quere destacar a actual corporación municipal, en nome de todos os guardeses, co levantamento deste fito de pedra nun lugar preeminente: a Praza Maior. A partires de agora, ese mesmo espíritu debe conducirnos a culminar a obra de Pro-Monte coa excavación completa do que Fontela anticipou como a cidade de Abóbriga, unha maravillosa hipótese que hoxe segue agochada baixo os nosos pés. Ese debe ser o legado que debemos deixar ás futuras xeracions de guardeses, o desenterramento completo de Abóbriga, da mesma maneira que hoxe agradecemos á Sociedade Pro-Monte o incrible legado que nos deixou."


 Deseguido alcalde, membros da Corporación Municipal, autoridades, representantes de diversas entidades e veciños de A Guarda, dirixíronse o fito - realizado por alumnos da Escola de Canteiros da Deputación de Pontevedra - ubicado diante da Casa do Concello, onde a profesora de música Lucía Vicente Martínez, interpretou co seu violoncelo, unhas obras musicais.


 A continuación, en nome da presidenta da Deputación de Pontevedra, que por motivos de axenda non puido asistir a este acto, interviu a deputada de Emprego e concelleira de Turismo, no Concello de A Guarda, Monserrat Magallanes Álvarez, recoñecendo á magnífica obra desenvolvida pola Sociedad Pro-Monte Santa Tecla, que logo de máis de un século dende súa fundación, súa impronta continúa a xerar sinerxias positivas na cultura, na economía e no turismo de A Guarda e súa comarca.

  Pola súa parte, Antonio Martínez Vicente, o presidente da Sociedad Pro-Monte Santa Tecla, agradeceu á homenaxe, o tempo que avanzou a inminente creación do Arquivo Municipal de A Guarda, polo que toda a documentación da Pro-Monte pasará a formar parte do devandito arquivo. 


 O remate da súa intervención Martínez Vicente, fixo entrega ao alcalde de A Guarda, de un exemplar do estudo numismático - "La moneda de Abóbriga (?)" -, da autoría de Juan Domínguez Fontela, que a Sociedad Pro-Monte Santa Tecla, publicara no seu día no semanario La Voz del Tecla.


 Finalmente, o alcalde de A Guarda, Antonio Lomba Baz, agradeceu á asistencia a este acto, de persoas como Ángeles Herrero Pérez (Xefa de área provincial de Turismo); Mª José Echevarría (Xefa de coordinación cultural da Xunta de Galicia); concelleiros do concello da Guarda; Patroa maior da confraría de pescadores da Guarda; Enrique Velasco (Director adxunto da Escola de Canteiros da Deputación); Antonio Martínez Vicente, actual presidente da Sociedad Pro-Monte Santa Tecla; aos socios do Sociedade Filatélica e Numismática Guardesa, sección da Pro-Monte; a tódalas persoas presentes que teñan vinculación coa Sociedad Pro-Monte; representantes de asociacións e institucións e público en xeral.

 O alcalde disertou sobor do "que representa para A Guarda a Sociedad Pro-Monte e Museo Arqueolóxico do Monte Santa Trega", e dixo: "Sentímonos orgullosos polo seu legado: Obras no Monte, escavacións, difusión turística por todo o mundo, o museo arqueolóxico, a Festa do Monte (...)". 

 Lomba Baz dixo tamén: "O noso museo arqueolóxico foi unha das primeiras coleccións arqueolóxicas de Galicia anterior ao museo de Pontevedra, creado en 1927. 

 Os guardeses temos a obriga moral de que non se perda o legado da Sociedad Pro-Monte, a súa filosofía. Debemos ser conscientes das nosas potencialidades, da nosa riqueza, e continuar sendo, como o foron todos aqueles que compartían as inquedanzas da Pro-Monte, os protagonistas da nosa propia historia." 

 Citando a Joaquín Miguel Villa Álvarez, o alcalde dixo: “A Sociedad Pro-Monte foi unha das máis grandes empresas colectivas protagonizadas polos guardeses en toda a súa historia. Unha organización cun alto grado de sensibilidade colectiva proxectada cara ao servizo público”. 

 Asemade, evocou a José Manuel Andreini Verde, que nunha carta da súa autoría, remesada dende New York escribiu: “Ojalá que el éxito que auguro a esa sociedad dé impulso a otros movimientos en favor del mejoramiento de esa comarca, tan rica al decir de todos, y tan pobre en iniciativas como se desprende de los continuos e infructuosos lamentos de la prensa local. Ya es hora que despertemos de ese sueño de paternalismo y tengamos fe en nuestras propias fuerzas.” 

 No capítulo de agradecementos o alcalde referiuse a ao apoio da Deputación de Pontevedra; a Enrique Velasco e aos seus alumnos da escola de canteiros; a Miguel Villa, Antonio Martínez e Javier Crespo. 

 Tamén tivo un cariñoso e agradecido recordo para a Sociedad Pro-Monte Santa Tecla a través dos seus presidentes: Manuel Lomba Peña, Julián López García, Ángel Nandín Vicente, José Ramón Sobrino Arias, Julián López Ríos, Antonio Rodríguez Rolán, Ermelindo Portela Gómez e Antonio Martínez Vicente.

 E tamén unha lembranza especial para os que iniciaron o Museo Arqueolóxico do Monte Santa Trega, i en concreto a Pacífico Rodríguez Rodríguez (Secretario da Sociedade Pro-Monte entre 1912 a 1933). 

 O alcalde avanzou que dentro das actividades do centenario do MASAT se tratará sobor da figura de Juan Domínguez Fontela, o tempo que relembrou actividades xa desenvolvidas como a Barferencia sobre sobre 100 anos do museo do Monte, que tivo lugar o 20 de xaneiro de 2017; a presentación do 3º libro sobre a Sociedad Pro-Monte, o día 28 de xaneiro de 2017  e agora o descubrimento da escultura conmemorativa do centenario (10 xuño 2017).

 Antonio Lomba tamén afirmou que entre xullo e agosto deste ano haberá unha exposición sobre os fondos do MASAT e a súa contextualización; e unha exposición ao aire libre de fotografiass de pezas do museo en prazas e rúas. 

 No tramo final da súa disertación o alcalde falou co significado do fito e a súa situación. 

 E o fío do que manifestara Antonio Martínez Vicente, o alcalde relembrou que "onte - polo venres - 9 de xuño foi o Día Internacional dos Arquivos, e parte do edificio do concello será a sede do futuro arquivo histórico, cuxos primeiros fondos procederán do Arquivo Histórico Municipal e arquivo da Sociedad Pro-Monte Santa Tecla".

GALERÍA DE IMAXES

Ningún comentario:

Publicar un comentario