12 de xuño de 2017

DEPORTES

PIRAGÜISMO

BRAIS CASTRO, DO CLUB DEPORTIVO MIÑO, MEDALLA DE BRONCE NA COPA DE ESPAÑA DE SLALOM OLÍMPICO

Brais Castro, do Club Deportivo Miño compartindo podio en Ponts (Lleida)


Informa (Fotografías e redacción): Rosa Fernández Carrera

 Esta fin de semana celebrouse na localidade ilerdense de Ponts a 4ª e última Copa de España de Slalom Olímpico. Como xa é habitual os resultados finais desta competición obtéñense da suma dos resultados obtidos nas xornadas do sábado e do domingo. 

 Aínda que faltaron os integrantes do equipo nacional, incluído o Teixugo Luis Fernández, por estar concentrados na cidade de Praga preparando a Copa do Mundo, o nivel da competición foi moi alto. 

 O Club Deportivo Miño acudiu con seis piragüistas, que deron o mellor de si mesmos. 

 En K1 muller senior Laura Alonso foi sexta, e Laura Soutelo e Marina Ruedas remataron empatadas na décima posición. Ariadna Pereira acabou quinta en K1 muller cadete e cuarta en C1. Manu Ochoa rematou sexto en k1 senior e, por último, a mellor posición da xornada foi para o canoísta Brais Castro que se fixo coa medalla de bronce en C1 senior. 

 Na clasificación final por equipos Os Teixugos remataron oitavos, ao acudir a esta Copa de España cun equipo moi minguado. 

Luis Fernández, do Club Deportivo Miño, un dos tres integrantes do equipo nacional de C1


 Por outro lado informar que na pasada semana, do 1 ao 4 de xuño, celebrouse na cidade eslovena de Tacen o Campionato de Europa de slalom ao que acudiu o Teixugo Luis Fernández como un dos tres integrantes do equipo nacional de C1. Non tivo Luis moita sorte coa súa participación, rematando na trixésimo primeira posición. Nestes momentos atópase concentrado en Praga coa Selección Nacional preparando a Copa do Mundo que se celebrará do 16 ao 18 de xuño.

Ningún comentario:

Publicar un comentario