11 de xuño de 2017

CAMINHA

CACHI, PINTOR DE A GUARDA, EXPÓN SÚAS OBRAS NA GALERÍA DE ARTE CAMINHENSE

Ata o día 15 de xuño


Cachi Martínez, na Galería de Arte Caminhense, de Caminha
Foto: Isa Ferreira Conde


Ricardo Rodríguez Vicente / Caminha

 O pintor Antonio Martínez "Cachi", de A Guarda, expón estes días súa producción máis recente na Galería de Arte Caminhense (Praça Conselheiro Silva Torres), de Caminha. A exposición que leva por título xenérico "Arte e Artista", pode visitarse ata o vindeiro día 15 deste mes de xuño.

 Cachi é un creador que se inspira na paisaxe miñota, con predilección polos recunchos onde a auga do río Carballas, poñamos por caso, refresca tódolos lugares - Loureza, Refoxos, Acevedo, Fornelos,... - por onde pasa, silandeiro e sen balbordos, nos meses da primavera, no verán e mesmo no outono, e brioso - formando vistosas fervenzas - nos meses do inverno. 

 Auga, vexetación, vellas paredes de muiños cantareiros,..., son, entre outros, os elementos que configuran algunhas das súas obras.

 As paisaxes das ribeiras do Miño, son tamén obxecto do seu interese pictórico. Dese xeito, Cachi amósanos as marxes de Goián, Vila Nova de Cerveira, San Miguel ou San Xoán de Tabagón,... As morraceiras, os carochos - cada vez queda menos flota desa embarcación tradicional miñota - e as gamelas que faenan, segundo á tempada, o meixón ou a lamprea - entre outros manxares fluviais -, os sulagos na lámina de auga, que vaise achegando, mansiña e sen deterse, cara a Foz do Miño, onde á Fortaleza da Ínsua, entre os montes de San Antón (Caminha) e de Santa Trega (A Guarda), dánlle o adeus o Pai dos ríos galegos.

 Cachi sinte predilección polo realismo, e por iso súa obra pictórica reflicte cáseque o que o ollo humano capta na súa contemplación da paisaxe, tan atractiva e tan dinámica, segundo a hora do día, ou mesmo da estación, en que nos deteñamos na súa pracenteira contemplación.

 A obra que presenta na Galería de Arte Caminhense é froito de un traballo concienzudo, riguroso e fiel a un estilo que identifica cada unha das pinturas ao óleo de Cachi Martínez.

Ningún comentario:

Publicar un comentario