8 de xuño de 2017

A GUARDA

EXCELENTE ACOLLIDA DE TAPEARTE

A RUTA GASTRONÓMICA DA GUARDA CON 23 TAPAS  


Infogauda / A Guarda

 A ruta gastronómica Tapearte xa superou o ecuador pero aínda quedan dous fins de semana para gozar das 23 tapas tan variadas que ofrecen os establecementos participantes. 

 Durante os tres primeiros fins de semana a acollida foi excelente e o número de participantes está a ser moi numeroso. 

 Esta quinta edición de TAPEARTE - evento que naceu en 2013 -, está vinculada á elaboración das Alfombras florais do Santísimo. Os veciños xa comezaron cos preparativos das alfombras e levan semanas traballando para elaborar estes tapices durante a sábado 17 de xuño e que se poderá observar en todo o seu esplendor a mañá do domingo 18 de xuño. 


 A ruta arrincou o venres 19 de maio e celebrarase durante 5 fins de semana por tanto aínda queda a recta final: os venres, sábados e domingos ata o domingo 18 de xuño. Este ano ampliouse o horario atendendo as suxestións dos participantes en edicións pasadas e foi un acerto xa que moitos poden gozar tranquilamente das tapas de 12:00 a 14:00 horas e de 19:00 a 22:00 horas. 


 Na ruta participan 23 restaurantes e bares do Concello da Guarda e cada un ofrece a súa proposta a un prezo unitario de 2 €. A consumición non está incluída neste prezo. Ademais búscase potenciar o concepto de ruta polo que os participantes dispoñen dun pasaporte coa listaxe dos establecementos adheridos.
  

 Para fomentar a elaboración de tapas de calidade entre os establecementos adheridos organízase o Concurso da Mellor Tapa de TAPEARTE 2017. Os participantes serán os responsables de valorar as tapas e coas súas puntuacións serán os que escollan ao establecemento que elabore a mellor tapa. As tapas valoraranse de 1 a 6, sendo 6 a maior puntuación. Tamén se recoñecerá ao establecementos que ofreza o maior número de tapas. 

 E os participantes tamén poderán optar a agasallos por participar na ruta. Haberá un premio directo a quen entregue o pasaporte cun mínimo de 15 selos, o premio é un lote de reloxo e bolígrafo do deseñador Antonio Mirou e terán que recollelo na Oficina de Turismo. Tamén haberá un sorteo de 9 mochilas e 9 altovoces inalámbricos entre os pasaporte entregados nas urnas e que conteñan os datos de contacto completos e un mínimo de 7 selos. Haberá urnas para depositar os pasaporte nos establecementos adheridos e na Oficina de Turismo do Concello.  

 Organiza Concello A Guarda coa colaboración dos 23 restaurantes e bares da Guarda.

 Patrocina: DISRAMO

Ningún comentario:

Publicar un comentario