8 de xuño de 2017

A GUARDA

O BNG reclama investimentos urxentes no CEIP Solanas 

Ángel Luis Baz Vicente (portavoz municipal do BNG na Guarda): “Xunta e Concello comprometéronse a investir no Centro Escolar os cartos sobrantes da reforma do pavillón de Solanas, algo que non están a cumprir”  

Ángel Luis Baz Vicente, portavoz municipal do BNG na Guarda


Infogauda / A Guarda

 O BLOQUE NACIONALISTA GALEGO presentou un escrito no rexistro do concello da Guarda, onde solicita a utilización dos cartos sobrantes da obra de reforma do pavillón de Solanas en melloras para o CEIP As Solanas-Nicolás Gutiérrez Campo, onde está localizado dito pavillón.  

 O BNG considera imprescindíbel que se utilicen os cartos da “baixa” das obras de reforma do pavillón de Solanas para mellorar diferentes infraestruturas deterioradas no CEIP de Solanas.  

 Entre as melloras están a construción dunha pista deportiva exterior, a reposición do firme con xabre dos patios, eliminación de humidades, pintado de paredes, reposición de piso en diferentes aulas, ... así como outros compromisos feitos polo goberno municipal que agora eluden.  

 Para o BNG a situación de deterioro das instalacións do centro escolar deben facer que o Concello e a Xunta asuman responsabilidades para un arranxo con prazos de tempo e que interrompa o menos posíbel a actividade docente do centro.  

 “Despois de reunirnos coa ANPA e coa Dirección do Centro, temos claro que a Xunta e o Concello da Guarda deben cumprir o compromiso dado de reinvestir os cartos sobrantes das obras do pavillón escolar no centro”, comentou Ángel Luis Baz Vicente, portavoz municipal do BNG na Guarda. 

 O BNG vai estar vixiante - afirma Ángel Luis Baz - para que as obras de mellora do CEIP Solanas-Nicolás Gutiérrez Campo sexan unha realidade para o beneficio da comunidade educativa e do barrio onde está localizado.

Ningún comentario:

Publicar un comentario