8 de xuño de 2017

BAIXO MIÑO / LOURIÑA

A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA INVESTIRÁ MÁIS DE MEDIO MILLÓN DE EUROS PARA CALMAR O TRÁFICO E PINTAR AS ESTRADAS PROVINCIAIS NO BAIXO MIÑO E LOURIÑA  

A presidenta e o deputado de Mobilidade presentaron hoxe en Tui o Plan MÓVESE e o de sinalización horizontal, polo que se actuará en 23 vías   

Benítez avanzou que se porá en marcha unha segunda fase do plan para completar o número de actuacións nos concellos 

A presidenta Carmela Silva e Uxío Benítez, deputado de Mobilidade, coas alcaldesas e alcaldes de O Porriño, Tomiño, O Rosal, Salceda de Caselas e Tui, na presentación do Plan de Mobilidade e Velocidade Segura (MÓVESE)
Foto: D. P.


Infogauda / Tui


 O departamento de Mobilidade da Deputación de Pontevedra realizará actuacións de calmado de tráfico e de sinalización horizontal en alomenos 23 estradas de titularidade provincial na comarca do Baixo Miño e Louriña. Así o explicou hoxe o deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, quen presentou no Concello de Tui o Plan de Mobilidade e Velocidade Segura (MÓVESE) para a zona que, xunto coa actuación de pintado de estradas, ascenderá a 546.939,07 euros. As obras comezarán este luns día 12. 

 Tanto a presidenta Carmela Silva como o responsable das vías provinciais explicaron aos alcaldes, alcaldesas e concelleiros e concelleiras-de Tui, O Rosal, Salceda de Caselas, O Porriño e Tomiño (Mos declinou asistir)-, que o Plan Móvese foi lanzado dende a Deputación de Pontevedra para “procurar unha maior seguranza viaria mediante o calmado de tráfico nas estradas de titularidade provincial, especificamente en lugares con problemas de convivencia entre o tráfico rodado e os peóns”, dixo Benítez.   

 Silva sinalou que “durante moito tempo os protagonistas foron os coches e parecía que iso era a normalidade, pero non o era” e, por iso, asegurou que “agora temos que facer un enorme traballo de concienciación para convencer á cidadanía de que a normalidade non é iso, senón a seguridade”. A presidenta asegurou que “a seguridade viaria e a recuperación de espazos para que vivamos con seguridade son cuestións fundamentais que requirían dun gran plan de seguranza viaria” que “recolle moitas infraestruturas con dificultades que hai que tratar de xeito individual, pero encadrando as actuacións nun marco xeral”. 

 Por estas razóns, a presidenta provincial aplaudiu a iniciativa do ‘Plan Móvese’ e asegurou que “malia que un plan global dá moito máis traballo, ao ter que definir criterios, recursos e actuacións, valeu moito a pena” porque, declarou Carmela Silva, “se o obxectivo que se consegue é xusto e responde ás novas demandas da sociedade, dá igual que se tarde un ano para poder poñelo en marcha. Isto fai que un Goberno como o noso se poida sentir moi orgulloso”. 

 Segunda fase do Plan Móvese  
 O deputado Benítez indicou que o Plan Móvese consiste en resolver o problema da seguranza viaria “do único xeito posible e efectivo”: coa colocación de pasos de peóns sobreelevados –PPS, lombos e redutores físicos –RFVV-. “A nosa intención é rebaixar a velocidade ata conseguir os mínimos danos para as persoas cando hai un impacto cun coche. Esa velocidade son os 30 quilómetros hora e só se consigue mediante dispositivos físicos. Pódense instalar radares, sinais,poñer multas,… pero a única actuación efectiva son os elementos físicos que obrigan a frear o coche”, argumentou Benítez. 

 Benítez lembrou que as actuacións do Plan Móvese fixéronse a través da participación e solicitudes dos concellos alén de criterios técnicos. O departamento de Mobilidade recibiu máis dun milleiro de peticións para instalar PPS e RFV e finalmente, nesta primeira fase, instalaranse máis da metade. Houbo concellos que, por diferentes circunstancias, desbotaron a posibilidade de instalar os redutores físicos e quedaron fóra do plan, mais a participación abrangue ao 80% dos municipios da provincia. 

 Benítez salientou que a vontade clara da Deputación é continuar a traballar na seguranza viaria das estradas provinciais, polo que se porá en marcha un Plan Móvese II, para completar as actuacións que se realizarán neste ano e equilibrar aos concellos que na primeira convocatoria recibiron poucas actuacións.  

 No caso do Baixo Miño e Louriña instalaranse 33 PPS –coñecidos como lombos- e 27 redutores de velocidade nos concellos de Tui, Tomiño, O Rosal, Salceda, O Porriño e Mos, cunha inversión de 344.966 euros. A esa cifra hai que sumar tamén 201.972,90 euros que se investirán en mellorar a sinalización horizontal, o que finalmente ascende a inversión a 546.939,07 euros. 

 Na zona do Louriña, especificamente, investiranse no Porriño 121.269,54 euros para calmado de tráfico aos que se lle sumarán 23.956 euros de sinalización horizontal (121.269,54 euros totais). En Mos serán 24.677,88 euros para calmado de tráfico e 52.036,4 euros para a mellora de sinalización horizontal (76.714 euros en total).

Ningún comentario:

Publicar un comentario