3 de maio de 2017

PONTEVEDRA

"Paraíso roubado" amosa a riqueza da parroquia de Lourizán antes da instalación da celulosa 

Este documental, que contou co apoio do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico, estrearase o vindeiro mércores día 10 de maio, ás 20:00 horas no Sexto Edificio, do Museo de Pontevedra

O traballo foi presentado polo deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, polo presidente da Asociación pola defensa da ría de Pontevedra, Antón Masa, e polo director da cinta, Lukas Santiago
Foto: D.P.

Infogauda / Pontevedra

 "Paraíso roubado" é o título do documental que recupera a memoria da parroquia de Lourizán antes da chegada da celulosa, así como a loita veciñal contra a instalación da pasteira. O traballo, que se estreará oficialmente o vindeiro mércores día 10 de maio, ás 20:00 horas, no salón de actos do Sexto Edificio, do Museo de Pontevedra, foi presentado esta mañá polo deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, polo presidente da Asociación pola defensa da ría de Pontevedra, Antón Masa, e polo director da cinta, Lukas Santiago. O traballo, promovido pola APDR, contou co apoio económico do Servizo provincial de Patrimonio Bibliográfico e Documental.  


 "O apoio a este traballo forma parte da aposta por dar vida ao noso audiovisual e por recuperar o noso patrimonio histórico" sinalou Leal durante a presentación. O deputado indicou que "este proxecto, a través dos testemuños que inclúe, supón unha compilación da memoria dunha parroquia, que vai moi en concordancia co traballo deste Servizo e que permitirá que as xeracións vindeiras poidan coñecer como era antes da instalación da celulosa, e saber que había outro mundo hoxe xa descoñecido para a maioría de nós". Xosé Leal tamén manifestou que sería interesante que o documental, unha vez estreado en Pontevedra "teña percorrido polas demais vilas da ría e, incluso, por outros lugares da provincia". Pola súa banda, Antón Masa, definiu o proxecto como "un exercicio de memoria histórica". O presidente da APDR indicou, ademais, que é importante que "a xente non esqueza como era a zona antes da chegada da celulosa".  

 O director do documental, Lukas Santiago asegurou que "é a historia de calquera veciño ou veciña nacida nunha familia de mariscadores de Lourizán, e que lle contaron como era a parroquia cando era o paraíso de Montero Ríos ata a súa destrución na época franquista". Explicou, ademais, que el recuperou a historia de primeira man de seu avó, e que na cinta inclúe tanto testemuñas de persoas maiores da parroquia como intervencións de investigadores e historiadores. Santiago fixo especial fincapé na figura da muller, asegurando que "o papel das mariscadoras foi fundamental na loita contra a instalación da celulosa, sobre todo en febreiro de 1959, cando 500 mariscadoras de Lourizán e Campelo fixeron fronte ao exército franquista, acabando moitas delas no hospital militar, e 14 no cárcere militar".   

 "Paraíso roubado" céntrase na época previa a instalación da celulosa e recupera o esplendor da parroquia no tempo no que Montero Ríos tiña fixada alí a súa residencia de verán así como outros persoeiros da época, tanto galegos como de fóra de Galiza, e todo o que isto implicaba, como era a actividade económica ligada á Casa de Baños de Os Praceres, o aluguer estacional de casas como fonte de recursos extra para a veciñanza, ou a propia actividade ligada ao marisqueo e á pesca. Lukas Santiago anunciou, ademais, que este será o primeiro traballo dunha triloxía que levará por título "Lourizán, terra mártir".

Ningún comentario:

Publicar un comentario