15 de maio de 2017

MOVEMENTOS SOCIAIS

A plataforma cidadá ‘Queremos Galego’ na comarca de Vigo chama a participar masivamente 

Na manifestación nacional do 17 de maio

A esquerda da imaxe, Elsa Quintas, coordenadora da plataforma cidadá Queremos Galego en Vigo, xunto a Pepe Carreiro, portavoz comarcal, dirixíndose ás persoas concentradas esta mañá en Vigo
Fotos: G.G.

Infogauda / Vigo

 Esta mañá a plataforma cidadá Queremos Galego (QG) na comarca de Vigo fixo un chamamento a toda a poboación a participar “de xeito masivo” na manifestación que a plataforma cidadá convoca para esta cuarta feira 17 de maio. A marcha partirá as 12h desde a Alameda de Santiago de Compostela baixo o lema “En galego, sen límites”. Na comparecencia pública, realizada ás 11h diante do mercado do Calvario, participaron a coordenadora de Queremos Galego en Vigo, Elsa Quintas, e mais o portavoz comarcal, Pepe Carreiro, quen estiveron acompañados por representantes de diferentes organizacións que fan parte de QG.  


 Elsa Quintas salientou a  importancia desta convocatoria que ten por obxectivo expresar que “queremos vivir nun país onde a lingua propia estea presente en todo e para todo, sen exclusións, onde a utilización do noso idioma noso idioma non este sometido á vontade allea”. Neste sentido Quintas defende “un país no que poidamos gozar da cultura, do lecer e da vida, na mellor ferramenta que criamos para o facer: o galego”.   

 Pola súa banda, Pepe Carrreiro, asegurou que “lingua e futuro de Galiza camiñan da man”. “Defender o futuro da nosa lingua é defender o noso futuro como pobo”, explicou. Con todo, o debuxante amosouse esperanzado. “Temos esperanza, ilusión, vontade, compromiso para mantelo vivo, para superarmos todos os atracos, para podermos vivir en galego, sen límites”. Baixo esa perspectiva a mobilización do 17 procura tamén exixir á Xunta que cumpra coa súa obriga de promover e normalizar o uso do galego, e denunciar o incumprimento da Lei de normalización lingüística, que vén de cumprir tres décadas da súa aprobación.  

 Desde a comarca de Vigo fletaranse autobuses para desprazarse até Compostela. Para solicitar praza nos mesmos facilítase o teléfono 986 82 79 00 e os locais do sindicato CIG. 

Máis info

Ningún comentario:

Publicar un comentario