15/05/2017

PONTEVEDRA

A Deputación de Pontevedra abre o prazo aos concellos da provincia para poder solicitar a súa adhesión a "Depotermal" 

Os concellos terán un prazo de 15 días naturais a partir deste mércores  


Infogauda / Pontevedra

 A Deputación de Pontevedra vén de publicar no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra as bases reguladoras de "DepoTermal", que cun orzamento de 102.000 euros permitirá que máis de 4.000 persoas dos concellos da provincia de Pontevedra se beneficien desta iniciativa de fomento do envellecemento activo a través do turismo de saúde e benestar. Mañá publicarase no BOPPO o extracto da convocatoria e, a partir deste mércores, os concellos que se queiran adherir a "DepoTermal" terán un prazo de 15 días naturais para facelo. Unha vez remate este prazo e se publique na páxina web da Deputación de Pontevedra a listaxe de concellos adheridos, abrirase o prazo para que as persoas interesadas poidan solicitar a súa participación no programa.  

 "DepoTermal" conta un total de 4.434 prazas que pon á disposición das persoas maiores de 50 anos, menores de 50 con condición de pensionista ou cun grao de discapacidade igual ou superior ao 65% e para persoas con necesidade de respiro familiar de todos os concellos da provincia de Pontevedra. Desas máis de 4.000 prazas, 434 son gratuítas, unha novidade que se introduciu por primeira vez a pasada edición do programa.  

 Con "DepoTermal", a institución provincial ten os obxectivos de fomentar o envellecemento activo e mellorar a calidade de vida das persoas maiores, a través de facilitarlles o acceso ao turismo de saúde a persoas que doutro xeito non poderían beneficiarse da súa dobre función como período de vacacións e tratamento sanitario. Ademais, "DepoTermal" pretende ser un plan dinamizador da economía da provincia, impulsando a creación e mantemento de postos de traballo no sector turístico durante os períodos de menor actividade. Ademais, este programa promove espazos de encontro e intercambio de experiencias, co fin de evitar o illamento das persoas maiores e as situacións de soidade que poidan levar á súa vulnerabilidade.  

 O programa conta con dúas modalidades. En primeiro lugar, a modalidade diúrna, que oferta 1.248 prazas das cales 1.000 contan cunha subvención da Deputación de Pontevedra e outras 248 son totalmente gratuítas para persoas en situación de risco, exclusión social ou que contan con escasos recursos económicos. Esta modalidade inclúe o traslado con guía acompañante durante cinco días consecutivos, en quenda de mañá ou de tarde, a balnearios, talasos ou spas onde poderán gozar durante dúas horas como mínimo das súas instalacións.   

 Pola outra banda, a modalidade con pensión completa oferta 3.186 prazas, das cales 186 son totalmente gratuítas tamén para persoas en situación de risco, exclusión social ou que contan con escasos recursos económicos. Esta opción inclúe o traslado e aloxamento durante cinco noites e seis días, en réxime de pensión completa, con entradas ás instalacións termais para desfrutar delas durante un mínimo de dúas horas diarias e con actividades de animación sociocultural, en establecementos con balneario, talaso e/ou spa da provincia de Pontevedra.

Ningún comentario: