28 de maio de 2017

DEPORTES

BALONMÁN

DIVISIÓN DE HONRA FEMININA

O MECALIA ATLÉTICO GUARDÉS LOGRA O CAMPIONATO DE LIGA

O equipo de José Ignacio Prades venceu o KH7-Granollers por 28-20

Unha das xogadas diante da portería do Mecalia Atlético Guardés
Foto: Infogauda

Infogauda / A Guarda

 A Guarda ten motivos dabondo para sentirse pletórica pola traxectoria das súas entidades deportivas, si ben nestes últimos cinco anos, o clube que destaca por méritos propios é o Mecalia Atlético Guardés, cuxo primeiro equipo, que milita na División de Honra Feminina, nuclea arredor de sí mesmo a unha moitedume de siareiros de tódalas edades. Non en balde, logo de lograr liderar á clasificación da DHF, a elite do balonmán feminino español, a ilusión das xogadoras, corpo técnico e xunta diectiva foise contaxiando a toda á cidadanía. De tal xeito que A Guarda exteriorizou como nunca ata agora con un equipo local, o seu sentimento de apoio a unha labor histórica de un equipo que é todo un referente dentro e fora do ámeto local para transcender a todo o territorio peninsular e insular do noso país. Por iso, este acontecemento deportivo tivo neste sábado día 27 de maio de 2017, un eco especial.

 Foi así como os siareiros comezaron a achegarse o modesto pavillón municipal da Sangriña, con máis de 90  minutos de antelación sobor do horario de comezo do encontro entre o Mecalia Atlético Guardés eo KH7 - Granollers, rexistrándose un cheo histórico, como non se coñecía atá o de agora.

 O equipo que adestra José Ignacio Prades, logo de facer unha tempada prodixiosa, con tan soio dúas derrotas (fronte o Bera Bera e o Rocasa), e 46 puntos no seu haber, tiña que pór a guinda a unha labor titánica, e abofé que o equipo respondeu como se agardaba, ainda que nos primeiros compases do encontro houbo unha certa preocupación.

 O encontro, dirixido por José Carlos Tielas e Jesús Álvarez, do colexio de Asturies, comezaría con un tanto do equipo visitante, sendo Haridian Rodríguez quen lograría o gol do empate. Logo marcaría Paulina Pérez, logrando o empate a 2-2, a guardesa Estela Doiro. A partires dese intre, o Mecalia Atlético Guardés, mantén un contínuo toma e daca, co taboleiro nivelado, ata que Paulina Pérez, logra que o KH7 Granollers se adiante no marcador, aproveitando algúns erros do equipo local, debido, sen ningunha dúbida á presión que inevitablemente impuña un encontro nestas circunstancias no que soio cabía a opción de gañar ou de empatar.

 Logo de un tempo morto solicitado por José Luis Villanueva, adestrador do KH7 Granollers, o equipo de José Ignacio Prades segue sen encontrar seu punto no parqué da Sangriña, ata que África Sempere logra o empate a 10 goles, no minuto 22. Logo sería Antía Espiñeira a que poría o Mecalia Atlético Guardés con unha ventaxe de 1 gol no marcador, situación que duraría pouco o transformar unha xogadora visitante unha falta desde á distancia de 7 metros. O marcador estaba 11-11, o que da unha idea da igualdade entre ambos equipos, si ben o Mecalia Atl. Guardés non logrou sacar proveito da inferioridade numérica que neses intres tiña o Granollers.

 Momentos despois, sería Estela Doiro quen poría un punto de inflexión o lograr o 12-11 no marcador. Desde ese intre, o Mecalia Atl. Guardés comandaría o encontro, chegándose o minuto 30 con un parcial de 15-13. 

 Foi unha primeira parte moi igualada, na que o equipo visitante semellaba que quería demostrar que non viña ata A Sangriña de paseo,  nin ía a regalarlle a victoria o Mecalia Atlético Guardés.

 Na reanudación, Mendoza, África Sempere, Rosa Álvarez e Rosario Urban, foron marcando os respectivos goles logrando unha vantaxe de 6 goles. Iso motivaría un novo tempo morto a petición do técnico visitante, pero o Mecalia Atlético Guardés foi incrementando a diferencia no marcador, con sendos goles de Estela Doiro, Africa Sempere, Alexia Kurchankova,..., si ben o Mecalia Atlético Guardés, permitiuse unha certa relaxación, pois a victoria xa estaba máis que consolidada, situación da que as xogadoras do KH7 Granollers eran conscentes.

 O encontro remataría con un elocuente resultado de 28-20, polo cal o Mecalia Atlético Guardés se proclamou campión da Liga Loterías de Balonmán, tempada 2016-2017. 

 O soño de todo un equipo humano fíxose realidade e ese foi o mellor xeito de celebrar o medio século de balonmán feminino na vila de A Guarda, un deporte que chegou o noso pobo da mán de José Carlos Rodríguez Barros.

 Ademáis da labor de todo o equipo de xogadoras, corpo técnico e xunta directiva, compre salientar que neste logro histórico do balonmán feminino, non soio de A Guarda, senón de toda Galicia, ten moito que ver o apoio da empresa patrocinadora Mecalia Energy Sistems, con factoría en A Pasaxe (Camposancos) e por suposto todalas empresas colabouradoras de A Guarda e súa contorna, e unha afección de 1ª, que o longo de toda á tempada arroupou o equipo sen regatexar esforzos.

 Como é costume, o éxito acadado merecía celebrarse, e así, xogadoras, directivos, técnicos e siareiros achegáronse ata o Momumento ó Mariñeiro para enarbolar a bandeira do clube e celebrar este histórico éxito deportivo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario