14 de maio de 2017

COOPERACIÓN

A comunidade de traballo Galicia-Norte de Portugal abordará o luns o balance e as perspectivas de futuro da Eurorrexión 

O acto, que terá lugar en Braga, será clausurado polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e polo ministro de Planeamento e Infraestruturas do goberno portugués, Pedro Marques

Infogauda / Braga (Portugal)

 A comunidade de traballo Galicia-Norte de Portugal reunirase en pleno o próximo luns, en Braga, para facer balance dos avances realizados ata o momento na Eurorrexión, así como para marcar os obxectivos de futuro.
 O acto será clausurado polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e polo ministro de Planeamento e Infraestruturas do goberno portugués, Pedro Marques. Ademais, na xornada farase efectivo o traspaso da presidencia da Comunidade de Traballo ao presidente da Xunta de Galicia.
 No transcurso da xuntanza, terán lugar dúas sesións de traballo. A primeira centrarase nas boas prácticas de cooperación na Eurorrexión. Intervirán o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda; o profesor da Universidade do Porto, António Figueiredo; o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato; e o presidente da asociación empresarial de Portugal, Paulo Nunes de Almeida.
 A continuación abordaranse o balance e as perspectivas da Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal. As intervencións correrán a cargo do director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo; e da vicepresidente da comisión de coordinación e desenvolvemento rexional do norte, Ester Silva.

Ningún comentario: