14 de maio de 2017

CULTURA

Uxía Senlle, Villares, Xosé Touriñán e Marcos Pereiro, a Barrié e Concha Blanco reciben os Premios Bos e Xenerosos 

O secretario xeral de Cultura destacou que o recoñecemento destes galardóns constitúe “un reforzo do valor en prol da construción cultural de Galicia”

Infogauda / Ponteceso (A Coruña)

 A artista Uxía Senlle, o académico e presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares; os humoristas Xosé Touriñán e Marcos Pereiro, a escritora Concha Blanco e a Fundación Barrié recibiron esta mañá en Ponteceso os Premios Bos e Xenerosos 2017, cuxo recoñecemento, en palabras do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, constitúe “un reforzo do valor en prol da construción cultural de Galicia”.
 A directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Blanca García-Señoráns, participou tamén neste acto de entrega de galardóns da Fundación Eduardo Pondal, que conta coa colaboración da Consellería de Cultura e Educación no desenvolvemento da súa actividade. Os Premios Bos e Xenerosos véñense entregando desde o ano 2009, como un recoñecemento ao compromiso, á difusión e mais á defensa da cultura galega.
 “Das valiosas achegas á nosa construción cultural dan boa mostra as mulleres, os homes e as entidades que nos últimos anos viron recoñecida a súa traxectoria e a súa actividade cuns premios de referencia coma os que hoxe lles entregamos ás protagonistas e aos protagonistas da presente edición”, dixo Anxo Lorenzo, ao tempo que afirmou que “desde a Consellería de Cultura e Educación sumamos o noso aplauso á súa tarefa a prol da lingua e da cultura galegas”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario