2 de maio de 2017

COOPERACIÓN

UXÍO BENÍTEZ: “A FRONTEIRA DO MIÑO SOPORTA A METADE DE TODOS OS MOVEMENTOS DE COCHES ENTRE ESPAÑA E PORTUGAL: É PRECISO MELLORAR A MOBILIDADE CON FEITOS” 

O deputado de Cooperación Transfronteiriza asegura que as xornadas da Deputación sobre Mobilidade Transfronteiriza deste venres en Tui afondarán sobre a necesidade de que o tren entre Vigo-Oporto funcione como un “metro eurorrexional”  

O nacionalista sinala que é preciso que os gobernos debatan sobre as fórmulas para resarcir as limitacións da fronteira 

Uxío Benítez Fernández, deputado de Cooperación Transfronteiriza da Deputación de Pontevedra
Foto: D.P.

Infogauda / Pontevedra

 O deputado de Cooperación Transfronteiriza da Deputación de Pontevedra, Uxío Benítez Fernández, fixo hoxe un chamamento para mellorar a mobilidade entre a provincia de Pontevedra e o Alto Miño portugués “con feitos”. Segundo subliñou, a fronteira do Miño soporta case a metade(o 47%) dos fluxos de vehículos lixeiros rexistrados entre Portugal e España, sendo a fronteira de Valença-Tui  o punto fronteirizo con maior intensidade media diaria de tráfico de pasaxeiros ao nivel estatal, con valores claramente superiores aos rexistrados na fronteira do Algarve. “As fronteiras sempre presentaron problemas de mobilidade. Os gobernos deben abordar como resarcir esas limitacións da fronteira. Queda moito por facer, sobre todo na raia do Miño”, subliñou.

 Benítez destacou que “Galicia é hoxe o principal cliente portugués en España, o que supón cada vez máis un fenómeno de integración transfronteiriza na Península Ibérica”, indicou, para engadir que “se fose un país autónomo, Galicia sería o oitavo maior destino de exportación de Portugal, con valores de exportacións máis altos que os rexistrados a Italia ou á Bélxica e preto de tres veces superiores aos destinados ao Brasil”. Así mesmo, fixo referencia tamén aos importantes fluxos turísticos entre o sur de Galicia e Portugal, sendo as durmidas de viaxeiros de ambas parten unha importante porcentaxe nos establecementos hoteleiros galegos e portugueses, así como a afluencia da veciñanza aos diferentes aeroportos da Eurorrexión.

 Por este motivo, Benítez destacou a importancia da celebración este venres das Xornadas sobre Cooperación Transfronteiriza que a Deputación de Pontevedra, da man da USC, vai celebrar en Tui (Edificio Área Panorámica). Nelas estarán presentes representantes internacionais de diferentes organizacións, que aportarán a súa visión e experiencia sobre os traballos de mobilidade postos en marcha en diferentes rexións e territorios europeos e españois e que servirán de exemplo para o futuro da nova Agrupación Europea de Cooperación Territorial Río Miño, a piques de nacer. A raia galego-portuguesa preséntase como un campo de estudo privilexiado das relacións transfronteirizas. Cómpre afondar na reflexión sobre as posibilidades de reforzar a mobilidade transfronteiriza en todos os eidos e acadar un know-how que contribúa a posta en marcha a corto prazo de iniciativas que acerquen as sociedades da raia entre o Sur de Galiza e o Norte de Portugal”, asegurou.

 Metro eurorrexional
 En todo caso, segundo explica Benítez, a verdadeira aposta pola mobilidade sustentable a nivel de Eurorrexión Galiza-Norte de Portugal debe ser o ferrocarril, xa que a súa execución con altas prestacións entre Porto e Vigo –onde enlazará co AVE Atlántico galego-, constituirá un grande elemento vertebrador. “Este novo transporte ferroviario actuará como un ‘metro eurorrexional’, permitindo a mobilidade inter-cidades en función dos diferentes motivos de desprazamentos. Terá efectos nos mercados laborais, na mobilidade dos recursos humanos, na actividade empresarial e sen dúbida no sector turístico, e reforzará a cohesión económica, social e cultural”, salientou.

 Benítez lembra que non foi até finais dos anos 1980 cando se comezou a producir algún tipo de reflexión sobre as políticas de transporte e as infraestruturas a nivel global da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Até entón, o que se producira fora unha resposta individualizada e separada a un e outro lado do Miño. A finalización da autoestrada entre Ferrol e Lisboa (mediante a terminación da AP-9 galega e a A-3 portuguesa) marcou un fito histórico que permitiu a vertebración da franxa litoral da Eurorrexión, o seu espazo máis dinámico. “Unha vez terminada esta auténtica ‘espiña dorsal’, cómpre seguir avanzando na vertebración tanto exterior como interior da Eurorrexión, non só nas infraestruturas de transporte terrestres,  senón tamén no que se refire ás infraestruturas aéreas e marítimas. Queda moito por facer”, insistiu o deputado.

 Neste sentido, Benítez destacou o traballo que está a realizar a Deputación de Pontevedra que, xunto coa CIM Alto Miño, vén de crear unha Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) que está pendente de aprobación definitiva. Este novo ente de cooperación entre as dúas partes da raia do Miño vén de presentar varios proxectos que optan aos fondos da Unión Europea coa finalidade de desenvolver o territorio transfronteirizo do Miño, tanto a nivel económico como social e cultural.

 Relatores
 Os relatores que estarán presentes este venres en Tui e que aportarán información básica para o desenvolvemento da AECT Río Miño,  falarán da mobilidade e a cohesión transfronteirizas a través da visión das institucións europeas.  Serán o experto da Comisión Europea sobre cooperación territorial e AECT, Dirk Peters, e o secretario xeral da Asociación de Rexións Fronteirizas de Europa (ARFE), Martín Guillermo.

 Haberá tamén un espazo para falar de diferentes experiencias de mobilidadede éxito, que serán expostas por Frédéric Duvinage, director do Eurodistrito Trinacional de Basilea; Gorka Ugalde, director adxunto do Euskotren; JoaquínPalacín, director xeral de Ordenación do Territorio do Gobierno de Aragón; e Benjamín Cubillo, subdirector de Transporte público e mobilidade da Generalitat de Catalunya.

 Tamén haberá un detabe, moderado polo deputado provincial de Mobilidade e Cooperación Transfronteiriza Uxío Benítez, sobre a mobilidade transfronteiriza como factor de desenvolvemento. Neste apartado todos os relatores pertencerán tanto a Galiza como ao Norte de Portugal: Júlio Pereira, secretario executivo da Comunidade Intermunicipal do Alto Minho; Xosé Carlos Fernández, enxeñeiro técnico de Obras Públicas, responsable da web 'O Camiño de Ferro en Galicia'; e Miguel Pazos Otón, profesor da USC e investigador en mobilidade e transportes sostibles.

Ningún comentario:

Publicar un comentario