4 de abr. de 2017

PONTEVEDRA

A Facultade da Compostaxe da Deputación consolídase como iniciativa pioneira de formación sobre residuos 

A presidenta Carmela Silva destaca que o Plan Revitaliza é "unha aposta de presente e futuro para tratar o lixo de xeito ambientalmente sostible"  

A presidenta Carmela Silva e o vicepresidente César Mosquera, instaron ás e os futuros bolseiros a aproveitar a formación
Foto: D.P.


Infogauda / Pontevedra

 O segundo curso da Facultade da Compostaxe do Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra botou hoxe a andar con 20 novos aspirantes a mestras e mestres composteiros. Este curso para formar unha nova promoción de persoal especializado en compostaxe consolídase xa como unha das iniciativas pioneiras no seu ámbito por parte dunha institución. Así, tanto a presidenta Carmela Silva como o vicepresidente César Mosquera, instaron ás e os futuros bolseiros a aproveitar a formación e buscar oco nun "nicho de emprego" que está crecendo cada vez máis tanto nas administracións  públicas como no ámbito privado.  

 A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva subliñou que "o Plan Revitaliza é unha aposta promovida con convición do vicepresidente Mosquera para defender a compostaxe como forma ambientalmente sostible de tratar os residuos sólidos. Cada día no mundo avanzado xeramos máis residuos que contaminan e supoñen un custe moi grande para as arcas públicas. Mosquera tiña moi claro que tiñamos que ser arriscados, que tiñamos que dar un paso adiante e converternos nunha referencia no conxunto de Galiza e no Estado español dunha forma sostible", dixo. 

 Silva subliñou que apostar pola compostaxe era "moi arriscado, porque certamente facemos cousas que só estamos a facer nós, e polo tanto todo o que sexa cambio ten riscos", e insistiu en que para que funcione o Plan Revitaliza ten que contar coa complicidade dos concellos da provincia e coa veciñanza, que ten que cambiar os seus hábitos de tratamento dos residuos. "É un traballo arduo, complexo, pero apaixonante", subliñou.  

 En canto aos participantes na Facultade da Compostaxe neste curso, Silva salientou que o actual é o segundo ano que se forman mulleres e homes que van ser fundamentais para dar respostas e ser máis eficientes no plan provincial. Así mesmo, a presidenta destacou a paridade que existe nas candidatas e candidatos a bolseiros.  

 Pola súa banda, o vicepresidente Mosquera deu a benvida ás aspirantes a mestras e mestres composteiros e asegurou que van iniciar "unha aventura que lles vai cambiar a vida". O nacionalista destacou que no ámbito da compostaxe hai un futuro laboral importante porque a día de hoxe aínda non hai especialistas suficientes. "Ides pasar un curso moi intensivo. Vai ser a parte máis dura. O ano pasado cando rematamos o curso tiñamos ofertas concretas de traballo de Madrid, Navarra e Cataluña, e todos os bolseiros quixeron quedar e estar hoxe aquí. Vós chegades a tempo de que non se sature este campo. En toda Europa non hai nada que dea a formación que ides adquirir aquí sumada á formación que xa tendes e demostrastes", subliñou.  

 O vicepresidente, así mesmo, animou ás futuras mestras e mestres composteiros a que "aproveitedes este traballo moi ben. Paga a pena. Non o tomedes como un curso rutinario. É unha aventura e a min gustaríame estar no voso lugar", finalizou.  

 A Facultade da Compostaxe formará aos 20 aspirantes que superaron o exame e a entrevista persoal realizados nas últimas semanas para converterse en bolseiras e bolseiros da Deputación de Pontevedra como mestras e mestres composteiros. Encargaranse do mantemento das instalacións comunitarias que se espallarán polos concellos da provincia dentro do Plan Compost Revitaliza, e participarán nas plantas comarcais de compostaxe que xurdan. Está garantida a incorporación das e dos quince alumnos que acaden as mellores notas durante o curso, que finalizará a mediados de maio, se ben se prevé que os restantes se incorporen tamén ao proxecto paulatinamente cando se vaian instalando máis composteiros da Deputación pola provincia.   

 O alumnado seguirá cinco módulos didácticos (Residuos e Medio Ambiente, Lexislación e normativa ambiental e de residuos, A compostaxe: ciencia e tecnoloxía, Compostaxe práctica: pequena e mediana escala e As recollidas selectivas como elementos clave). Entre o profesorado haberá expertos tanto nacionais como internacionais na materia das tres universidades galegas, representantes de Adega e Amigos da Terra; representantes da Unión Europea, do Ministerio de Agricultura e Medio Ambiente, da Generalitat de Catalunya e da Xunta de Galicia; así como técnicos navarros, vascos, austríacos, alemáns e cataláns que falarán da experiencia da compostaxe nos seus territorios. 

 Na parte práctica da formación, o alumnado traballará os refugallos das cociñas e dos comedores de todos os centros de Príncipe Felipe que a día de hoxe se tratan en tres composteiros comunitarios. Tamén coñecerán de primeira man como se xestionan os 48 centros de compostaxe que están nos concellos da provincia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario