5 de mar. de 2017

SANIDADE

Galicia incorpórase á receita electrónica interoperable do SNS 

Os cidadáns que se despracen a Canarias, Valencia, Estremadura e Navarra só deben presentar a súa tarxeta sanitaria para recoller os medicamentos que lles prescribisen os médicos do Sergas  

Desde as farmacias galegas poden facer o mesmo coas súas tarxetas sanitarias os habitantes destas comunidades 

Durante os próximos meses o servizo irase ampliando ao resto de España  

Infogauda / Santiago de Compostela

 Os cidadáns galegos que se despracen a comunidades autónomas nas que a receita electrónica é interoperable (Canarias, Valencia, Estremadura e Navarra) poden xa recoller os medicamentos que lles prescribisen os médicos do Servizo Galego de Saúde só con presentar a súa tarxeta sanitaria.
 Do mesmo xeito, a partir de mañá, dende as farmacias galegas poderán facer o mesmo coas súas tarxetas sanitarias os habitantes destas comunidades. Durante os próximos meses o servizo irase ampliando ao resto de España, a medida que se vaian incorporando o resto das CCAA á receita electrónica interoperable do Sistema Nacional de Saúde.
 O obxectivo deste proxecto, coordinado polo Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, é que os pacientes poidan moverse por todo o territorio nacional e obter os seus medicamentos en calquera oficina de farmacia, independentemente da Comunidade onde fosen receitados, e sen necesidade de preocuparse nas súas viaxes polas datas de dispensamento nas que teñen que retirar a medicación ou sen ter que acudir ao seu médico para que lles faga anticipos dos fármacos.
 Cómpre lembrar que Galicia foi pioneira na implantación da e-receita e é a segunda comunidade con maior índice de prescrición electrónica de España, un 97,8%, o que supón máis de cinco millóns de receitas ao mes.
 O proxecto de receita electrónica do Sistema Nacional de Saúde desenvolveuse durante 2016 e comezou a súa fase de probas en setembro dese mesmo ano. Agora, o Ministerio vén de acreditar o correcto funcionamento do sistema que permite a Galicia interoperar co resto das comunidades que están xa a participar nel.

Ningún comentario:

Publicar un comentario