5 de mar. de 2017

A GUARDA

O BNG presenta unha moción para arranxar os danos causados polo temporal na Guarda  

Ángel Luis Baz Vicente, portavoz municipal do BNG: “As administracións públicas deben arranxar o máis axiña todas as infraestruturas danadas polo temporal e esixir responsabilidades ás eléctricas”  

Ángel Luis Baz Vicente, portavoz municipal do BNG

Infogauda / A Guarda

 O Bloque Nacionalista Galego presentou unha moción para que se arranxen os danos causados polo último temporal na Guarda.  

 O temporal - relembra Ángel Luis Baz Vicente, portavoz municipal do BNG - deixou serios danos materiais como a caída dunha parte do espigón do Balueiro, así como a desaparición dun tramo da Senda Litoral, tendo sido esta última infraestrutura afectada polo último temporal hai uns anos.  

 Dende o BNG tamén se denuncia os cortes que afectaron a milleiros de galegos e galegas, entre os cales tamén se contan os habitantes da Guarda.  

 Para o BNG as administracións públicas deben inspeccionar e revisar as obrigas que deben cumprir as empresas eléctricas respecto da conservación axeitada das instalacións eléctricas, esixindo responsabilidades oportunas así como impondo un plan de mellora constante da rede eléctrica ás distribuidoras.  

 “As diferentes administracións deben poñer todo o necesario para realizar unhas reparacións que sexan duradeiras no tempo, polo que igual hai que revisar o actual trazado da Senda Litoral e valorar un posible cambio, polo menos nalgúns tramos”, afirma Ángel Luis Baz.

Ningún comentario:

Publicar un comentario