17 de mar. de 2017

LABORAL

Os traballadores/as de Servicarne retoman a loita contra a explotación laboral en Frigolouro e Coren 

A FGAMT-CIG convoca unha protesta diante da Subdelegación do Goberno español en Ourense este sábado ás 11:30 horas

Os empregados/as de Servicarne -cooperativa de traballo asociado que presta servizo na empresa Frigolouro do Porriño, do grupo ourensán Coren- retoman a loita contra a explotación laboral
Foto: CIG

Infogauda / O Porriño

 Os empregados/as de Servicarne -cooperativa de traballo asociado que presta servizo na empresa Frigolouro do Porriño, do grupo ourensán Coren- retoman a loita contra a explotación laboral tras varios meses sen avances nas súas reivindicacións. A FGAMT-CIG, central que apoia as demandas destes/as falsos/as autónomos/as dependentes da firma porriñesa de alimentación, convoca unha concentración diante da Subdelegación do Goberno en Ourense este sábado ás 11:30 horas.  

 Esta nova mobilización do persoal de Servicarne chega meses despois do intenso calendario de protestas desenvolvido para denunciar a explotación laboral á que son sometidos/as e reclamar unhas condicións de traballo dignas. A campaña reivindicativa incluíu varias xorndas de folga, manifestacións, concetracións e xestións institucionais para reclamar o apoio dos Concellos da zona e a intervención da Xunta no conflito laboral.  Con todo, segundo indican dende a FGAMT-CIG a problemática que denuncian os traballadores/as segue vixente na actualidade, “xa que dende entón apenas se produciron avances na mellora das súas condicións laborais, que son de verdadeira escravitude”.  

 Deste xeito, o persoal de Servicarne decidiu convocar unha concentración diante da Subdelegación do Goberno español en Ourense este sábado 18 a partir das 11:30 horas. A FGAMT-CIG porá autobuses a disposición de todas aquelas persoas que queiran participar na mobilización. Os vehículos sairán ás 9:30 horas de Vigo (local da CIG) e ás 10.00 horas do Porriño (tamén do local da CIG).

Ningún comentario:

Publicar un comentario