9 de feb. de 2017

MOVEMENTOS SOCIAIS

A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público apoia a folga estudantil do vindeiro xoves 16 

Coincidindo coa xornada de paro desenvolveranse mobilizacións en todo o país 

Na comparecencia participaron representantes da CIG-Ensino, da organización estudantil Erguer, do BNG e de Foanpas. 


Infogauda / Vigo

 A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público trasladou hoxe o seu apoio á folga estudantil convocada pola organización Erguer para o o vindeiro xoves 16 co obxectivo de reclamar a derrogación da Lomce e a eliminación das reválidas. Coincidindo coa xornada de paro desenvolveranse mobilizacións en todo o país. 

 Na comparecencia participaron representantes da CIG-Ensino, da organización estudantil Erguer, do BNG e de Foanpas. 

 Os colectivos amosaron o seu apoio á convocatoria de folga prevista para o vinceiro xoxes 16 “porque é fundamental seguir a mobilizarse até lograr a derrogación da Lomce e a eliminación das reválidas”. Neste senso, lembraron que coas protestas foron quen de facer recuar o Ministerio de Educación, “pero temos que seguir porque a lei aínda segue vixente”. Ademais, apostaron por desenvolver de xeito paralelo unha campaña en defensa do galego, “xa que unhas das primeiras consecuencias da aplicación da Lomce foi un desequilibrio a favor do español que se traduce nunha perda de carga horaria do noso idioma”. Ao mesmo tempo, reclaman a recuperación dos dereitos laborais do profesorado, a eliminación da taxa de reposición e que as ofertas de emprego “sexan amplas”. Tamén solicitan que se reduzan os ratios e unha maior estabilidade no emprego. “É necesaria unha maior potenciación do ensino público e a redución das subvencións ao privado”. Finalmente, incidiron en que “a Lomce está durmida pero está aí, e non hai que esquecer que se trata dunha lei que nos fai retroceder: fomenta a competitividade entre as persoas e non busca que as persoas sexan competentes; para isto é necesario un novo modelo educativo”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario