9 de feb. de 2017

MOVEMENTOS SOCIAIS

O BNG REALIZOU UN ACTO SIMULTÁNEO EN TODO O PAÍS PARA ESIXIR INDEMNIZACIÓNS PARA AS PERSOAS AFECTADAS POLOS CORTES DE LUZ E A MELLORA DO SERVIZO   

No caso do Baixo Miño o acto tivo lugar diante da antiga oficina comarcal de Fenosa na Guarda
Foto: BNG A Guarda

BNG / A Guarda

 Ao longo dos primeiros días de febreiro de 2017 producíronse en Galiza unha serie de temporais sucesivos que tiveron como consecuencia máis grave a perda de vidas humanas. Ademais, causaron importantes danos en propiedades privadas, no sector primario, na actividade industrial e de servizos e en infraestruturas e equipamentos públicos.   

 Un dos efectos máis graves foi o dos cortes do subministro eléctrico que afectaron a milleiros de galegos e galegas durante máis de 48 e 72 horas. Unha situación que ten a ver coas deficiencias da infraestrutura da rede eléctrica, co abandono dos labores básicos e continuados de mantemento das liñas eléctricas e co insuficiente e tardío operativo das empresas distribuidoras e subministradoras finais de enerxía eléctrica.   

 Tendo en conta a gravidade da situación, cómpre facer unha primeira avaliación dos danos producidos e aprobar un decreto de axudas para facer fronte ás perdas tanto no ámbito público como privado.  Alén diso, para evitar que situacións tan calamitosas se volvan a repetir tamén cómpre inspeccionar e revisar as obrigas que deben cumprir as empresas eléctricas respecto da conservación axeitada da infraestrutura eléctrica, esixindo as responsabilidades oportunas así como impondo un plan de mellora constante da rede eléctrica ás distribuidoras.   

 Non é aceptábel que Galiza, sendo produtora e excedentaria de enerxía eléctrica, con numerosos encoros, minicentrais, centrais térmicas ou parques eólicos instalados ao longo do seu territorio que xeran enerxía sen parar, tendo que asumir os custes ambientais de dita actividade, estea obrigada ademais a soportar unha pésima calidade no subministro eléctrico.   

 Por outra banda, en Galiza a taxa de risco de pobreza medrou nun só ano 4 puntos, situándose no 19,4% en 2015. Isto significa que máis de 700.000 persoas están en risco de exclusión social ou pobreza.  

 En consonancia con isto, hoxe, outro dos factores de vulnerabilidade para moitas familias galegas é a pobreza enerxética, e concretamente o subministro eléctrico as súas vivendas. Os datos referidos ao Estado español demostran que, antes de comezar a crise económica, o número de familias que sufrían un corte de luz polo impago do recibo da empresa subministradora era de 600.000 e, nos últimos anos incrementáronse.  

 Esta situación faise especialmente dramática pensando que se poidan producir cortes do subministro en fogares sen recursos, un feito que agudizará aínda máis as penosas condicións de vida das persoas que os habitan.  

 O goberno do Estado español xustifica o fortísimo incremento do recibo da luz dos últimos anos nun suposto déficit tarifario. Así, argumenta que o prezo da electricidade non cobre os custos de produción. Porén, isto é falso. A trampa reside na metodoloxía utilizada para o cálculo do custo de produción a través de poxas no mercado maiorista. Isto significa que, dada a existencia de tecnoloxías que producen a uns custos moi inferiores, este sistema xera uns beneficios exaxeradamente elevados aos propietarios desas instalacións de produción. Cabe, por tanto, opoñerse con absoluta rotundidade a incrementos no recibo da luz eléctrica que só fan engordar as contas de resultados das grandes compañías eléctricas.  

 Todo isto é consecuencia  dunhas eléctricas que se forran cos nosos recursos e incumpren as leis ofrecéndonos un servizo de terceira e mentres tanto, o PP de aquí e de Madrid mira para outro lado.   

 Ante esta situación  BNG denunciou hoxe con varios  actos simbólicos simultáneos de protesta nas diferentes comarcas do país  ante as sedes e instalacións  de Fenosa en contra  dos abusos e a impunidade desta compañia na prestación do servizo durante o temporal, así como a complicidade da Xunta que permite a empresa incumprir a lei sen consecuencias. Ademais de expoñer as propostas para abaratar a factura da luz e poñerlle fin ao negocio das eléctricas.  

 No caso do Baixo Miño o acto tivo lugar diante da antiga oficina comarcal de Fenosa na Guarda, onde se procedeu a ler un manifesto de denuncia ante o espolio das compañías eléctricas e ao rematar o mesmo, as persoas alí presenten, transmitiron o seu rexeitamento rachando os seus recibos da luz.

(R.)

Ningún comentario:

Publicar un comentario