21 de xul. de 2025

O ROSAL

O Rosal quenta motores para a festa máis esperada: a Festa do Verán do Pilar   

• The Rapants protagonizarán o concerto principal no Rosal, acompañados pola Banda da AMdOR     


A alcaldesa e o concelleiro de Cultura, con representantes de diferentes asociacións que participarán en diferentes eventos da Festa de Verán do Pilar do Rosal, na presentación da programación cultural, deportiva, festiva e gastronómica
Foto: C.O.R.

Infogauda / O Rosal 

 Do 24 ao 27 de xullo, a praza do Calvario converterase no centro da Festa de Verán do Pilar no Rosal. Un programa completo e diverso, pensado para todos os públicos, que inclúe música, baile, actividades culturais, torneo de xadrez e espectáculos infantís. O punto culminante será o concerto máis agardado: The Rapants, acompañados pola Banda da Agrupación Musical do Rosal.   

 A festa arranca o xoves 24 ás 20:00 coa VII edición do Festival Xente Xida, un encontro no que participarán os Ventos de Comesaña, Abóbriga, Lirolai e o insubstituíbel Trebón dos Xidos. Como é tradición, non faltará o porco ao espeto, nunha noite pensada para o encontro e a gastronomía popular.  

 O venres 25 comezará cunha misa cantada polo Coro Ecos do Folón, seguida dunha procesión acompañada pola Banda da AMdOR. Ás 16:00 celebrarase o VI Torneo de Xadrez Concello do Rosal nos xardíns do Concello, con cen participantes de todas as idades. Xa pola noite, ás 20:00, terá lugar o Encontro dos Pobos, que traerá á rúa a música e os bailes tradicionais da man da Asociación Do Lusco e Fusco, de A Guarda; Santa Columba, de Ribadelouro (Tui); e Itxas-Alde, de Bakio (Bizcaia).  

 O prato forte chegará ás 22:00, co concerto de The Rapants, unha das bandas con máis proxección da escena galega actual. Os muradáns actuarán acompañados pola Banda da AMdOR, nun espectáculo único que promete encher a praza. A festa prolongarase co AMdOR Fest DJ’s, para quen queira seguir bailando.  

 O sábado 26 ás 22:00 será a quenda do Septeto Santiaguero, unha das agrupacións máis recoñecidas da música tradicional cubana, gañadores de dous Premios Grammy Latinos. Traerán ao Rosal un espectáculo vibrante e cheo de sabor caribeño.  

 O domingo 27 será o día dedicado aos máis pequenos. Ás 20:00 chegará Cuacac!, un espectáculo que mestura circo, teatro e danza cun personaxe torpe e entrañable como protagonista. Para pechar a festa, ás 22:30 proxectarase o clásico do cine mudo O Maquinista da General, de Buster Keaton, con música en directo do grupo Casperveck, que repite presenza tras o éxito do ano pasado. 

  A Festa do Pilar de Verán 2025 volve con forza e ilusión, consolidándose como unha das citas culturais máis destacadas do Rosal. Un evento que combina tradición, innovación e celebración, facendo vila e comunidade durante catro días inesquecibles. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario