21 de xan. de 2017

PONTEVEDRA

MOSQUERA: “COS COMPOSTEIROS INSTALADOS NA PROVINCIA POLO PLAN REVITALIZA AFORRAREMOS NUN ANO MÁIS DE 1.200 TONELADAS DE EMISIÓNS DE CO2”  

O vicepresidente da Deputación anunciou que, a falta de que cheguen peticións por correo certificado, 29 concellos solicitaron adherirse á segunda fase do plan provincial de compostaxe  

Mosquera mostrou os primeiros produtos de horta da escola infantil do Príncipe Felipe e do Carlos Oroza abonados unicamente con compost  

César Mosquera anunciou que, a falta de que cheguen peticións por correo certificado, 29 concellos solicitaron adherirse á segunda fase do plan provincial de compostaxe
Foto: D. P.

Infogauda / Pontevedra

 “Cos composteiros instalados na provincia polo Plan Revitaliza aforraremos nun ano máis de 1.200 toneladas de emisións de CO2 á atmosfera”. Así o manifestou onte o vicepresidente da Deputación, César Mosquera, no balance dos beneficios ambientais da implantación da compostaxe como sistema de xestión do lixo orgánico.   

 O nacionalista foi categórico e asegurou que a compostaxe non só supón un aforro de gasto para os concellos da provincia en termos económicos, senón tamén unha vantaxe medioambiental clara pola redución de gases de efecto invernadoiro. “Se compostamos os biorresiduos en lugar de mandalos a queimar a Sogama aforramos máis da metade das emisións de CO2 que producimos co lixo. Isto supón aforrar case 150 quilos de dióxido de carbono por cada habitante ao ano, e dado que estamos a emitir moitísimo máis CO2 do que debemos, se podemos reducir esa cifra o máximo posibleestamos a colaborar nun bo labor”, asegurou.  

 Mosquera explicou que cada habitante produce ao ano unha media de 190 quilos de biorresiduos (restos de comida e vexetais) que unha vez tratados co actual sistema de Sogama supoñen a emisión á atmosfera de 261,16 quilos de CO2. Pola contra, explicou que ao tratar ese lixo orgánico coa compostaxe nos centros da Deputación eliminouse o CO2 da recollida do camión, o transporte a Cerceda e a incineración, producindo unicamente 116 quilos, é dicir, chegouse a un aforro de emisións do 55,56%. “Estamos a falar de grandes magnitudes. Para facerse unha idea, só  para tratar os biorresiduosda provincia de Pontevedra, o CO2 que se emitiríacolocado sobre a ría de Pontevedra chegaría atadous metros de altura (…)”. 

 Afortunadamente iso non ocorre así, pero debemos facer o que poidamos para reducir esas emisións. Penso que coa nosa contribución coa compostaxe estamos afacer unha achega substancial e hai que agradecer aos concellos o seu traballo na materia”, puntualizou.  

 Segunda fase do Plan Revitaliza 
 O vicepresidente Mosquera tamén dou conta do número de adhesións á segunda fase do Plan Revitaliza. Segundo indicou, a falta de que cheguen comunicacións por correo certificado ou presentadas noutras administracións –o último día de prazo era onte-, as peticións de adhesión foron 29, o que supón un número de concellos maior do previsto. “Dimensionamos o servizo para que entrasen 15 ou 20, que xa eran un número elevado de atender. Faremos un esforzo para xestionar todo. As previsións que facemos desbórdannos por arriba sempre, mais estamos moi contentos de que o plan vaia así de ben”.  

 A adhesión ao Plan Revitaliza, segundo lembrou Mosquera, supón o compromiso dos concellos da provincia para, nos vindeiros catro anos, tratar mediante a compostaxe o 75% dos biorresiduos (restos de comida, poda, vexetais…) xerados en cada municipio. Esta porcentaxe  débese ás esixencias da Unión Europea, que establece que como obxectivodeben prepararse para a reutilización ou reciclaxe alomenos o 50% do total dos residuos urbanos no ano 2020.   
 Neste sentido, o nacionalista explicou que a metade da bolsa do lixo en Galiza está formada por biorresiduos: “Os biorresiduos en Galiza pasan do 50% do total. Se non tés un tratamento específico para eles é imposible acadar o obxectivo da UE. Reutilizar e reciclar todo o resto das fraccións –plástico, vidro, papel…- na súa totalidade, por moito que separes ben, é imposible. Estar nun 80% de separación é moi difícil, e aínda así non chegarías a tratar o 40% da totalidade do lixo”, explicou.  

 “As esixencias da Unión Europea parecían moi fáciles de cumprir, pero á maioría dos estados nestes momentos están moi lonxe de acadalo. O norte de Italia é posible que cumpra, parte de Austria, Alemania, Flandes e do resto… nada. No estado español estamos moi lonxe tamén. No plan de xestión de residuos urbanos de Galiza ponse un obxectivo do 25% que tampouco se vai cumprir se non se toman medidas: Estamos no 17%. Na provincia de Pontevedra se seguimos así é posible que o academos, pero será porque uns concellos cumpren de sobra, estando no 75%, xunto a outros que non cumpren practicamente nada. Nós temos que atender ao noso e aportar o noso grao de area”, subliñou.  

 Unha vez adheridos á segunda fase do Plan Revitaliza, os concellos da provincia poden beneficiarse da redacción dun Plan Municipal de Residuos personalizado para cada municipio en función das súas necesidades de tipo de recollida e tratamento, así como optar a subvencións (por valor de 1,25 millóns de euros) para a compra de composteiros comunitarios e individuais. 

 Segundo informou Mosquera, na listaxe inicial dos concellos adheridos “hai exemplos de todo signo e color”. Así, explicou que hai concellos grandes e pequenos (Pontevedra ou Mondariz Balneario), interiores e de costa (Rodeiro ou O Grove) e de diferentes tendencias políticas (PSOE, BNG, PP, coalicións…). “Demóstrase que foi un erro converter a solución ao tratamento do lixo nunha batalla política. Foi un erro para todos e tamén para o medio ambiente”, finalizou.  

 Primeiras ‘compost-hortalizas’ 
 O vicepresidente Mosquera facilitou todos estes datos do Plan Revitaliza no día de hoxe diante de dúas cestas de produtos cultivados de forma biolóxica utilizando unicamente o compost como fertilizante. De feito, o nacionalista explicou que as ‘compost-hortalizas’ procedían da primeira produción das hortas da escola infantil de Príncipe Felipe (coidada polas monitoras e os nenos de até 3 anos)  e da Escola de Hostelería Carlos Oroza. “Príncipe é o único centro das súas características do que non sae ningún tipo de biorresiduo para o seu tratamento. Todo o que se xera trátase no composteiro e despois, co compost, abónanse as hortas… o que se chama a economía circular”, explicou.  

 Entre os produtos que se están a cultivar en Príncipe Felipe están repolos da horta da gardería e 47 tipos de hortalizas, legumes, froitas e herbas aromáticas da horta do Carlos Oroza (das que hoxe se mostraron a rúcula, o apio, rabaniños pequenos, allos tenros, grelos, cenorias mini, salvia, loureiro, romeo, perexil rizado,…). Todas estas últimas son de utilización común na oferta gastronómica no restaurante Álvaro Cunqueiro ou na cafetería Suso Domínguez do centro, que están abertos ao público. 

 Aínda non hai dispoñibilidade de chícharos, nabicol, hortalizas chinesas, cebolas, porros, coles de Bruxelas, lombardas mini, espinacas, repolos, rubarbos, pepinos, morotes, fisalis, amoras, framboesas, grosellas, maracuiá, así como flores comestibles, debido á tempada.

Ningún comentario:

Publicar un comentario