27 de xan. de 2017

NIGRÁN

A Xunta de Galicia salienta que a aposta de H2 Hydroponics pola innovación explica os seus avances nos mercados internacionais desde Nigrán 

O director xeral do Igape, Juan Cividanes, visita as instalacións desta compañía con vocación global especializada en cultivos que medran nunha solución acuosa, sen precisar terra

As vendas de H2 Hydroponics a mercados como Portugal, USA, Panamá, Nicaragua, Líbano, Qatar ou o resto de España achegan o 95% da súa facturación  

A empresa ten previsto presentar a nivel mundial, na feira agrícola que se desenvolve en Abu Dhabi os próximos 20 e 21 de marzo, os seus propios sistemas de cultivo hidropónico, que levará durante este ano ás feiras sectoriais más importantes

O director do Igape, Juan Cividanes, visitou hoxe as instalacións de H2 Hydroponics en Nigrán 

Infogauda / Nigrán

 O director do Igape, Juan Cividanes, visitou hoxe as instalacións de H2 Hydroponics en Nigrán e salientou que a aposta continuada desta compañía pola incorporación da innovación explica o seu crecemento e os seus avances nos mercados internacionais.
 H2 Hydroponics, proxecto que participou na aceleradora Viagalicia en 2014 –edición na que resultou gañador–, é unha empresa galega especializada en cultivos hidropónicos, que medran nunha solución acuosa, sen solo. A empresa naceu con vocación global e conta co apoio da Consellería de Economía, Emprego e Industria a través de Xesgalicia. Tamén se acolleu ao programa Reacciona do Igape para incorporar melloras da competitividade en ámbitos como desenvolvemento do produto, xestión e comercial.
 Juan Cividanes salientou que a Xunta está a prestar atención preferente aos novos modelos de negocio, aos proxectos que incorporan novas tecnoloxías e apostan pola conectividade, en sintonía coa Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0. Un apoio que se facilita especialmente a través de instrumentos como o Fondo Galicia Iniciativas Emprendedoras, creado no marco da Lei de Emprendemento e a través do cal se apoia a H2 Hydroponics. A maioría dos proxectos aprobados neste ámbito, máis de 40, están relacionados coa dixitalización.
 As exportacións de H2 Hydroponics a mercados como Portugal, USA, Panamá, Nicaragua, Libano, Qatar ou resto de España achegan o 95% da súa facturación. A empresa localizada en Nigrán ten previsto presentar a nivel mundial, na feira agrícola que se desenvolve en Abu Dhabi os próximos 20 e 21 de marzo, os seus propios sistemas de cultivo hidropónico, que levará durante este ano ás feiras sectoriais más importantes.
 H2 Hydroponics é unha empresa de desenvolvemento tecnolóxico no ámbito agrícola que aposta por técnicas en crecemento que están a revolucionar as formas de produción de alimentos, dado que fan posibles cultivos en lugares con climas extremos, desde a Antártida aos desertos.
 A compañía desenvolve os seu propio sistema hidropónico no seu centro de investigación en Nigrán, un invernadoiro que incorpora as máis avanzadas tecnoloxías de control ambiental, rego e fertilización conectados a móbiles. Un sistema, o H2Hybrid, que permite aos usuarios a optimización dos recursos e o control a distancia dos seus cultivos, reducindo nun 80%, con respecto a outros sistemas, o consumo de auga necesaria e conseguindo importantes aforros tamén nos gastos eléctricos ou nos custos de instalación.

Ningún comentario:

Publicar un comentario