27 de xan. de 2017

DEPORTES

O Goberno de Carmela Silva pulsa o botón de arranque da Copa Deputación de Pontevedra 2017 

Os equipos que desexen participar nesta nova convocatoria da institución provincial poderán inscribirse a partir do próximo luns 30 de xaneiro e ata o 12 de febreiro  

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e os representantes da Federación Galega de Fútbol nas delegacións de Vigo e Pontevedra, Gustavo Falque e Jaime Otero, na presentación da Copa Deputación
Foto: D. P. 

Infogauda / Pontevedra

 A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e os representantes da Federación Galega de Fútbol nas delegacións de Vigo e Pontevedra, Gustavo Falque e Jaime Otero, pecharon esta mañá a posta en funcionamento da X Copa Deputación de Pontevedra. Os equipos que desexen participar nesta décima edición da competición poderán inscribirse desde o vindeiro luns 30 de xaneiro ata o 12 de febreiro.  

 Carmela Silva subliñou a importancia da Copa Deputación para a provincia de Pontevedra, "porque case a metade das licencias de fútbol de Galicia están aquí, o que demostra a importancia deste deporte para a nosa provincia". Así mesmo, a presidenta da Deputación destacou que "a través desta Copa pretendemos impulsar tanto o deporte de base coma o fútbol feminino e promover a práctica deportiva, porque é un xeito de mellorar a saúde, de inculcar valores positivos e de poñer sobre a mesa instrumentos que contribúan a que todas as persoas convivan nun mundo máis cohesionado".  

 No transcurso da reunión entre a presidenta da Deputación e os representantes da Federación Galega de Fútbol de Pontevedra e Vigo acordouse que o sorteo das eliminatorias teña lugar o 16 de febreiro, en Vigo, e o 17 de febreiro, en Pontevedra, e que a X Copa Deputación de Pontevedra comece a disputarse durante a semana do 6 de marzo. Tamén se estableceu que a final deste ano teña lugar nalgún campo de fútbol da zona xestionada pola delegación de Pontevedra da Federación Galega de Fútbol. Así mesmo, co fin de poder beneficiar, en maior medida, os clubs de fútbol máis modestos, acordouse que a Deputación de Pontevedra se encargue do pago da arbitraxe dos clubs locatarios eliminados na primeira fase da décima copa. 

 Durante o ano pasado participaron na IX Copa Deputación de Pontevedra máis de 18.000 persoas e déronse cita máis de 1.000 equipos de todas as categorías. En concreto, tomaron parte máis de 100 equipos de primeira liña, 25 equipos femininos, e na Copa de Base, máis de 900 en todas as categorías.

Ningún comentario:

Publicar un comentario