COMUNICADO LÍDO ESTE MÉRCORES O TERMO DA MANIFESTACIÓN REIVINDICADO O CENTRO DE SAÚDE DE NAVIA (VIGO)
Boa tarde a todas e todos.
Moitas grazas por estar aquí
defendendo a nosa sanidade pública, defendendo o Centro de Saúde que precisamos
para seren atendidas e atendidos en condicións dignas.
A falta de persoal na
Atención Primaria da Área sanitaria de Vigo é ben coñecida por todas e todos
pois a sufrimos cando pedimos cita para acudir a unha consulta de medicina de
familia, de enfermaría ou necesitamos fisioterapia. Esta situación agrávase
aínda máis cando necesitamos acudir ás consultas de pediatría.
As causas desta situación
son os recortes das prazas das e dos profesionais que estaba previsto crear no
Plan de mellora de Atención Primaria, e o incumprimento da promesa electoral do
Partido Popular de construír 4 novos centros de saúde en Vigo.
A isto temos que sumarlle e
a mala planificación nas necesidades dos profesionais, no caso da pediatría é
un feito evidente, temos poucos profesionais da pediatría formados cada ano e
non permiten cubrir nin as xubilacións que se producen no sistema. Aínda así non
serve de desculpa pois se as necesidades de pediatras se cubriran con prazas
estables que saíran as Oposicións, seguro que non quedarían sen cubrir...
Para agravar esta situación
está a política de contratacións do SERGAS, que aforra o máximo posible en
gastos de contratacións sen importarlle a sobrecarga que supón para o resto das
e dos profesionais e o deterioro na calidade da asistencia.
Este conxunto de feitos
explica as sobrecargas no servizo de Urxencias Hospitalarias cando se producen
episodios de cadros catarrais e gripais nesta época do ano, que poderían ser
resoltos en Atención Primaria pero a falta de recursos, que xeran listas de
espera para seren atendidos, fai que os pacientes rematen nas Urxencias
Hospitalarias.
A situación do Centro de Saúde
de Navia é un bo indicador da situación global da Atención Primaria. Foi
concibido para ter 24 médicos de familia en quendas de mañá e tarde, cos
profesionais de enfermaría e de pediatría correspondentes, ademais dos profesionais
da función administrativa, dos técnicos en coidados auxiliares de enfermaría,
hixienistas dentais, odontólogos, fisioterapeutas e matronas en función do
número de pacientes adscritos ao Centro.
Pero a realidade e ben
diferente, actualmente conta con 6 profesionais de medicina de familia,
contando xa coa última incorporación, que agás un, xa teñen os cupos pechados e
sobrecargados. Estes 6 profesionais cos cupos axeitados de 1250 pacientes so
poderían atender a 7.500 pacientes, e os dous pediatras, con cupos de 900, so
atenderían a 1.800 nenas e nenos.
Estas cifras xa son insuficientes
para atender á poboación censada nunha soa das rúas do barrio de Navia, a rúa
Teixugueiras, que ten 9.000 persoas censadas das que 3.000 son menores de 15
anos.
Esta situación obriga a
moitas das persoas que trasladan a súa residencia a Navia a manterse no seu
centro de saúde de orixe, co conseguinte trastorno que supón para acceder á
asistencia, especialmente nos nenos menores de 3 anos, que teñen frecuentes
controis de saúde.
Na actualidade o Centro de
Saúde de Navia xa ten unha importante lista de espera para cambiar de médico de
familia, e polas características da súa poboación esta necesidade de cambio
está ligada ao importante número de nenas e nenos menores de 3 anos que
precisan Pediatra preto das súas casas.
Por todo isto reclamamos, de xeito urxente:
Utilizar tódolos recursos
dispoñibles na actualidade no Centro de Saúde de Navia, para o que é preciso
dotalo de máis persoal de medicina de familia, pediatría, de enfermería,
matronas, fisioterapeutas, auxiliares, persoal de servizos xerais, etc. So tras
un incremento importante de plantilla de tódalas categorías poderase ofertar a
tan necesaria atención de tarde.
Este incremento ten que ser
progresivo, pero para cubrir as necesidades actuais e do inmediato futuro xa
precisamos, cando menos, 4 médicos de familia, 2 pediatras e 6 enfermeiras máis,
ademais do persoal administrativo e do resto das especialidades
correspondentes.
Para fortalecer ao conxunto
da atención primaria da cidade de Vigo tamén precisamos crear un Centro de
Atención Primaria no Anexo II do H. Xeral que permita, ademais do traslado xa
feito da rúa Bolivia, redistribuír tarxetas sanitarias dos Servizos de Atención
Primaria da Dobrada e rúa Cuba e adscribir as do barrio de San Roque na
contorna do Hospital Xeral.
Tamén reclamamos que os
Centros de Especialidades, tralo seu peche, se dediquen á Atención Primaria
para mellorar o espazo dispoñible no CS da Dobrada e para desconxestionar López
Mora e Coia.
Estamos aquí para defender á
Atención Primaria, que é a porta de entrada da Sanidade Pública e a que presta
a atención máis próxima á cidadanía, por iso esiximos que sexa reforzada.
POLO CENTRO DE SAÚDE QUE NAVIA NECESITA!!
AVV Novo Vigo
Xunta de Persoal da Área sanitaria de Vigo
Plataforma SOS Sanidade Pública
Vigo, 11 de
xaneiro de 2017

Ningún comentario:
Publicar un comentario