17 de out. de 2016

A GUARDA

A EXPOSICIÓN DA CRUZ VERMELLA “EN FAMILIA POR DEREITO”, FOI PRESENTADA NA VILA GUARDESA

Pódese visitar no Concello da Guarda ata o 21 de outubro   

A presentación da exposición de Cruz Vermella “En familia por dereito”, acudiron Antonio Lomba Baz, alcalde da Guarda; María Teresa Vicente Baz, concelleira de Servizos Sociais da Guarda; José María Salcidos, presidente comarcal e outros representantes de Cruz Vermella do Baixo Miño; e unha familia acolledora da comarca.  
Fotos: C. A.G.

Infogauda / A Guarda

 Este luns día 17 de outubro, ás 12:00 horas, tivo lugar no Concello da Guarda a presentación da exposición de Cruz Vermella “En familia por dereito”, á que acudiron Antonio Lomba Baz, alcalde da Guarda; María Teresa Vicente Baz, concelleira de Servizos Sociais da Guarda; José María Salcidos, presidente comarcal e outros representantes de Cruz Vermella do Baixo Miño; e unha familia acolledora da comarca.  

 A exposición encádrase dentro dunha campaña da Cruz Vermella do Baixo Miño creada como parte do proxecto para promover o acollemento familiar. O obxectivo principal é animar ás familias a acoller a menores de idade, proporcionando así un entorno familiar  como alternativa á estancia nun centro de protección. As familias poden ter moi diversos perfís, podendo acoller calquera persoa, matrimonio ou parella de feito que teña a capacidade necesaria para proporcionar os coidados, a seguridade, a educación e o cariño que necesitan os menores que por diversas problemáticas das súas familias precisan un novo fogar.  



 A presentación consistiu na inauguración dunha exposición que consta de 8 paneis informativos con imaxes que se poderá visitar no vestíbulo do Concello da Guarda ata o venres 21 de outubro. Nestes paneis achégase a visión, experiencia e historias de familias acolledoras, así como de persoas  agora adultas que foron acollidas e contan as súas vivencias.   

 Durante o acto o alcalde e a concelleira intercambiaron unhas palabras cunha nai de acollida da comarca e con representantes de Cruz Vermella sobre a campaña e se interesaron sobre os resultados da mesma. Dende Cruz Vermella o teñen claro: son necesarias iniciativas como esta para dar a coñecer o programa de acollida e que a xente poda reflexionar e decidir se desexan converterse en familia de acollida. É unha decisión que debe meditarse pero o certo é que quen se decide, repite. Afirman que o 90% das familias de acollida repite a experiencia polo que o balance global é na súa maioría moi positivo.  

 O obxectivo de Cruz Vermella do Baixo Miño é dar a coñecer esta campaña e que se amplíe o número de familias de acollida na comarca. 

 Para saber máis sobre as historias expostas no edificio do Concello da Guarda, ou para obter máis información sobre a campaña e o programa de acollida poden consultar a web www.acollementofamiliar.org ou chamar ao teléfono 900 812 880.

CULTURA

‘Films from Galicia’ desembarca no mercado televisivo Mipcom de Cannes, da man da Agadic e once produtoras 

Control Z, CTV, Ficción Producciones, Filmanova, Maruxiña Films, Portocabo, Produtora Faro, R, Treeline Distribution, Voz Audiovisual e Zenit TV participan desde hoxe na que é a meirande feira mundial para a compra-venda de contidos televisivos

Esta misión comercial enmárcase no programa de promoción exterior do audiovisual galego que a Axencia Galega das Industrias Culturais mantén xunto ao Igape


Infogauda / Cannes   

 A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e once produtoras audiovisuais conforman a delegación comercial de ‘Films from Galicia’ na 27ª edición do mercado MIPCOM, que se celebra desde hoxe e ata o xoves na cidade francesa de Cannes. As series e as ‘tv-movies’ supoñen o núcleo da oferta galega neste encontro, a principal cita internacional para a compravenda de todo tipo de formatos, programas e contidos televisivos.

 A Agadic promove a presenza de Control Z, CTV, Ficción Producciones, Filmanova, Maruxiña Films, Portocabo, Produtora Faro, R, Treeline Distribution, Voz Audiovisual e Zenit TV no MIPCOM a través do programa de promoción exterior da industria audiovisual galega que desenvolve xunto co Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) co obxectivo de favorecer a procura de compradores e socios internacionais para as producións e coproducións galegas.

 É o caso de ‘Vidago Palace’, un proxecto que tomou forma a raíz dos contactos establecidos entre Portocabo e a empresa portuguesa HOP Filmes no I Encontro Profesional de Coprodución Audiovisual Portugal Galicia, organizado pola Agadic no marco do OUFF de Ourense. Esta serie, que está xa en proceso de rodaxe, materialízase como unha coprodución entre Televisión de Galicia e a RTP portuguesa. Portocabo tamén presenta no MIPCOM outra coprodución, ‘Os fillos do sol’, neste caso xunto á empresa catalá Diagonal TV para TVG e Televisió de Catalunya.

Proxectos subvencionados

 Pola súa banda, Ficción Producciones participa en Cannes con ‘Tutu’, entre outros proxectos, unha serie de animación que o ano pasado foi seleccionada por RTVE na súa convocatoria de proxectos a coprodución. Tanto ‘Tutu, como ‘Vidago Palace’ e ‘Os fillos do sol’ son, á súa vez, series subvencionadas pola Agadic a través do programa axudas públicas á produción e coprodución audiovisual.
 O resto das compañías acoden tamén cos seus últimos produtos e/ou proxectos, como a serie ‘Fontealba’ de Zenit TV. Moitos deles figuran, así mesmo, na última edición do catálogo ‘Films from Galicia’, que a Axencia Galega das Industrias Culturais está a difundir no Palacio de Festivais de Cannes, desde o espazo dedicado ao audiovisual de Galicia dentro do pavillón Audiovisual from Spain, promovido polo Instituto de Comercio Exterior (Icex). Ademais de dispoñer deste recinto para a promoción e a celebración de xuntanzas de traballo, os representantes das empresas galegas reciben tamén apoio económico para financiar parte dos gastos de viaxe, aloxamento e inscrición no evento.
 Dentro desta mesma liña de internacionalización, este ano Galicia contou con representación nas feiras Marché du Film e MIPTV de Cannes, así como no European Film Market de Berlín, no Sunny Side of The Doc de La Rochelle e no Festival International du Court Métrage de Clermont-Ferrand.

CULTURA

Os galardoados cos Premios da Cultura Galega 2016 recibirán unha escultura de Manolo Paz

O conselleiro de Cultura e Educación en funcións, Román Rodríguez, acompañado polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, recibiu hoxe as esculturas coas que se recoñecerá o labor dos galardoados e das galardoadas cos Premios da Cultura Galega 2016

Infogauda / Santiago de Compostela

 O conselleiro de Cultura e Educación en funcións, Román Rodríguez, acompañado polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, recibiu hoxe as esculturas coas que se recoñecerá o labor dos galardoados e das galardoadas cos Premios da Cultura Galega 2016. A obra, denominada “Froito” e realizada en bronce, foi creada polo artista Manolo Paz e representa o resultado da dedicación e da constancia diaria do traballo no campo cultural. As esculturas entregaránselles aos premiados deste ano nun acto solemne en próximas datas.

SOUTOMAIOR

Carmela Silva subliña a colaboración co Concello de Soutomaior para valorizar o Castelo 

O alcalde Agustín Reguera alaba o proxecto da Deputación de Pontevedra para poñer en valor as instalacións e os xardíns do entorno castelo Soutomaior

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva  e o alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera
Foto: D. P.


Infogauda / Soutomaior

 A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva destacou hoxe a  colaboración co concello de Soutomaior e o seu alcalde, Agustín Reguera, co cal mantivo unha xuntanza, para poñer en marcha o proxecto de valorización do castelo de Soutomaior.  

 A Presidenta adiantou que antes de final de ano é moi probable que se poidan presentar as tres rotas deseñadas e elaboradas para recorrer o conxunto do castelo e todo o seu entorno, "que presentaremos unha vez este concluída a sinalización e balizamento das mesmas e que permite coñecer a totalidade das instalacións".  

 Ao respecto o alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, agradeceu o traballo feito no proxecto de valorización do castelo e á propia Presidenta da Deputación xa que se trata de algo que vai a ser bo para todo o concello.  Para o próximo ano, tanto Carmela Silva como Agustín Reguera, coincidiron  en comezar a traballar cara a poñer en marcha o proxecto de musealización do castelo ademais de aumentar o número de visitas teatralizadas e de personaxes que participan nelas, dada a  grande demanda de persoas que queren participar.  

 A aposta da Deputación de Pontevedra co castelo é convertelo nun espazo de atracción turística na nosa provincia cun espazo adicado ao ocio familiar. O proxecto contempla melloras nos xardíns, plantacións e parque forestal; enriqueceranse os cultivos; dotarase de accesibilidade e mobilidade ó recinto; completarase o equipamento do parque; crearanse paseos e itinerarios polo recinto, áreas de picnic, merendas, obradoiros, etc.; impulsaranse actividades e exposicións, festas e mercadillos temáticos, teatros, música; poranse en marcha parques e espazos de xogos infantís así como micro-paisaxes ligadas ás colleitas  dos principais produtos da zona como castañas, uva ou camelias, entre outros.  

 Carmela Silva destacou o grado de colaboración co alcalde de Soutomaior ao que agradeceu todas as súas aportacións ao plan director, como a ampliación dun dos sendeiros ate a "Silla da marquesa"  ou como o maior valor a musealización do castelo.  

 Por último, sinalar que o concello de Soutomaior ten recibido ao longo deste ano 2016 un total de axudas de 607.929,05 euros en diversas partidas para infraestruturas, emprego, entidades e asociacións. En concreto, dentro do Plan Concellos recibiu a cantidade de 474.169,81 euros xa transferido na súa totalidade; en axudas de cultura a cantidade de 9.127,12 euros; na área de cohesión social e xuventude, 42.850,12 euros; en deportes, 8.808 euros; en emprego, 24.487 euros; e en igualdade a cantidade ascende a 43.487 euros.

LABORAL

Zona Franca de Vigo permitiu obras o 12-O 

Dobre vara de medir para o 12 de outubro: pau para Badalona, tolerancia co ente vigués 

Zona Franca de Bouzas

Infogauda / Vigo

 O Consorcio da Zona Franca de Vigo vén de sumar un novo incumprimento á longa lista que a CIG-Construción leva denunciando desde hai meses, tolerando obras na Nave H de Citroën o pasado 12 de outubro, festivo laboral. Segundo afirman desde a central sin dical, "a administración pública convértese, máis unha vez, en cómplice das prácticas abusivas de subcontratas que obrigan a traballar en festivos, pagan en negro e condenan os operarios a xornadas de até 11 horas".  

 Para a Federación de Construción da CIG esta situación revela a “hipocrisía e cinismo” coa que actúa o goberno do Estado, que non dubida en actuar con contundencia ante a apertura do concello de Badalona no 12 de outubro mentres continúa tolerar traballo en festivos e sobre-explotación en obras para entes públicos.  

 Deste xeito, e a pesar das numerosas advertencias da CIG, a Zona Franca de Vigo leva anos subcontratando empresas “que se sabe de antemán que van incumprir todas estas materias”, con salarios “moi por baixo do regulado en convenio” e “xornadas de 10 ou 11 horas”. Empresas, nas que ademais “ningunha destas irregularidades se regulariza en nómina”, con salarios “abonados en negro”.  
 Esta situación foi denunciada repetidamente ante Inspección de Traballo e até en dúas ocasións en reunións con responsábeis do departamento de Obras, así como coa Delegada da entidade. Porén, non só ningún dos compromisos aos que se chegou se ten materializado, se non que a tolerancia coa sobre-explotación e mailo incumprimento coa legalidade sostidos no tempo converten a Zona Franca en “colaboradora activa coa fraude á Seguridade Social e a Facenda”.  

 Desde a CIG-Construción, aseveran, ademais, que se está a premiar a empresas incumpridoras en detrimento daquelas onde se respeita o convenio, “que nen chegan a optar directamente á licitación de obra”. Tamén que o exceso de xornada provoca que por cada tres operarios “se deixe de crear un novo posto de traballo”.  

 Por último, comunican que continuarán coas denuncias e iniciarán mobilizacións se na vindeira reunión coa Dirección da Zona Franca non hai avances.

LABORAL

TRIBUNA ABERTA

CIG-CONSTRUCIÓN DENUNCIA O CONTINUO INCUMPRIMENTO DA ZONA FRANCA DE VIGO EN MATERIA LABORAL

 Por medio da presente nota de prensa, a CIG-Construción quere denunciar o continuo incumprimento da Zona Franca de Vigo en materia laboral, en relación: co goce dos días Festivos de convenio e Festas laborais anuais, nas obras da construción da súa responsabilidade; así como tamén co exceso de xornadas diarias de traballo e por último en materia salarial, con abono de salarios aos traballadores das empresas subcontratadas por  debaixo do salario regulado en Convenio.

  Todas estas circunstancias xa veñen sendo denunciadas polo noso sindicato no último ano, con repetidas denuncias por escrito rexistradas tanto na Inspección de Traballo como na propia Zona Franca. Ao mesmo tempo que en dúas reunións que mantivemos con responsábeis do departamento de Obras e da propia Presidenta.

 Os incumprimentos nas materias antes citadas seguen acontecendo, aínda despois de terse comprometido a reconducir a situación e a cumprir o convenio en materia de xornada e salarios despois da última reunión mantida entre o sindicato e a Presidenta da Zona Franca.

 Proba do que estamos a dicir é que o pasado 12 de outubro, festivo laboral, na obra que a Zona Franca ten en Citroën (Nave H), se traballou con normalidade.

 A situación se fai aínda máis grave, ao tratarse de incumprimento por parte da Administración, que tiña que ser o exemplo á hora de cumprir coa lexislación vixente. Neste caso, a Zona Franca está colaborando co fraude á Seguridade Social e a Facenda, pois ningunha destas irregularidades que se están a cometer, se regularizan en nómina, ou o que o mesmo, todos os salarios derivados de esta situación se abonan en negro.

 Tamén facemos responsable á Zona Franca de subcontratar conscientemente con empresas que saben de antemán que van a incumprir en todas estas materias. As empresas contratan maioritariamente a traballadores que cobran salario hora  moi por debaixo do regulado en convenio, co conseguinte agravio comparativo con empresas galegas que de esta maneira non poden acceder directamente ás licitación das obras.

 En materia de xornada diaria de traballo, o normal e que estas empresas realicen 10 ou 11 horas de traballo. É dicir que por cada tres traballadores que fan exceso de xornada, se deixa de crear un novo posto de traballo. Non era este o goberno que tanto se preocupa pola creación de emprego? Todo é unha mentira e unha farsa máis.

 Tampouco podemos deixar pasar a hipocrisía e cinismo manifestado pola administración dependendo do caso. Non lle importa utilizar aos medios de comunicación para denunciar ao Concello de Badalona por abrir as portas no 12 de outubro e que os seus traballadores desenvolvan a súa actividade; pero cando se trata de traballadores da construción na súas obras miran para outro lado, e non lle importa que traballen en día festivo sabendo conscientemente que o están a facer.

 Con esta nota de prensa a CIG-Construción quere denunciar publicamente o que está a acontecer nas obras da administración, que no lugar de ser o exemplo do cumprimento da Lei, son xusto o exemplo de todo o contrario.

 De inmediato imos solicitar unha nova reunión coa Dirección da Zona Franca no ánimo de que nas obras da súa competencia se cumpra co convenio colectivo da construción de unha vez por todas. De non ser atendida a nosa petición, de aquí en diante, a CIG-Construción en todas aquelas obras da Zona Franca nas que se incumpra o convenio, non só o imos a seguir denunciando, senón que tamén nos vamos a mobilizar como xa temos feito en outras ocasións  cando a vía da negociación non da resultado ningún.

En Vigo a 17 de outubro de 2016

         Carlos Méndez Iglesias
         Secretario Comarcal CIG- Construción

A GUARDA

CONVERXENCIA GALEGA SOLICITA O ADECENTAMENTO E ARRANXO DOS PARQUES INFANTÍS

Celso R. Fariñas: "(...) Namentras noutras localidades próximas, tanto a unha como a outra veira do río Miño, podemos ver como aumentan e manteñen estas instalacións de ocio, tamén podemos observar como cada vez son máis usadas por familias guardesas que levan as súas crianzas a estes espacios, incluidos membros e familiares do Equipo de Goberno Municipal (...)".







Reportaxe fotográfica: Converxencia Galega - A Guarda



Infogauda / A Guarda

 En data 13.10.2016, e Rexistro de Entrada nº 6.546, o concelleiro de Converxencia Galega, presentou no Concello de A Guarda, xunto con unha reportaxe fotográfica, correspondente o parque infantil municipal situado na parte traseira do Edificio Nadal, entre ás rúas Galicia e Os Bechos, á seguinte interpelación: 


ESTADO DOS PARQUES INFANTÍS

 Dende fai bastante tempo, temos constancia, a través de avisos e remisión de fotos que nos fan veciños/as de distintos puntos da nosa localidade, sobre a degradación do material e estado de abandono que presentan  a maioría dos parques infantís do noso pobo.

 Si antes a justificación era a falta de persoal, agora debe ser que non saben como facelo, pero a queixa cada vez e máis grande, e o aspecto que presentan é deplorable.  

 Namentras noutras localidades próximas, tanto a unha como a outra veira do río Miño, podemos ver como aumentan e manteñen estas instalacións de ocio, tamén podemos observar como cada vez son máis usadas por familias guardesas que levan as súas crianzas a estes espacios, incluidos membros e familiares do Equipo de Goberno Municipal. 

 Din que unha imaxe vale máis que mil palabras, pero, a imaxe se non se saca a pleno día, é bastante difícil de sacar, dado que as ramas non deixar nin ver as farolas instaladas no parque ubicado entre a Baixada dos Bechos e a Rúa Galicia nas proximidades da Alameda.

 Dende Converxencia Galega, esperamos que unha vez posta en coñecemento das “autoridades” esta situación, procedan da maneira máis urxente a adecentar e arranxar éste e outros parques infantís que a cada cal peor en canto conservación como mantenemento dos mesmos.                                                                                     

A Guarda, a 13 de Octubro do 2.016 

Celso R. Fariñas 

Concelleiro de Converxencia Galega


Sr. Alcalde Presidente do Concello de A Guarda

PONTEVEDRA

A Deputación de Pontevedra adxudica o contrato para a implantación da administración electrónica nos concellos da provincia 

AULOCE S.A. será a encargada de dar solución de administración electrónica nos concellos de menos de 50.000 habitantes administración electrónica 

Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra
Foto: D. P.

Infogauda / Pontevedra

 A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar a adxudicación do procedemento aberto relativo a un acordo marco que rexerá a prestación do servizo para a implantación, uso e soporte dunha solución de administración electrónica para concellos. A empresa AULOCE S.A. será a encargada de impulsar a posta en marcha da administración electrónica nos concellos de menos de 50.000 habitantes.  

 "Nestes últimos meses -tal e como manifestou a Presidenta da institución provincial, Carmela Silva- a Deputación de Pontevedra levou a cabo un proceso de implantación da administración electrónica nos seus centros de traballo, segundo o disposto na Lei 11/2007 de 22 de xuño de acceso electrónico dos cidadáns ós servizos públicos. Con este contrato, que ascende a 847.000 €, o que pretende a institución provincial é dar servizo ós concellos da provincia que, debido ó seu tamaño e ó custe desta actuación, non contan cos recursos suficientes para levar a cabo a adaptación e dar cumprimento á lexislación".  

 A través deste contrato, a Deputación de Pontevedra impulsará solucións de administración electrónica para que os concellos de menos de 50.000 habitantes poidan dispoñer dunha sede electrónica personalizada así como un portal de tramitación para os seus traballadores que permita a xestión integral dos procedementos e expedientes por medios electrónicos.

PONTEVEDRA

Uxío Benítez exporá en Madrid o Plan Móvese dentro das xornadas da DXT sobre travesías 

O traballo do departamento de Mobilidade da DEPO foi seleccionado como "experiencia de referencia" en todo o Estado 
Uxío Benítez Fernández, deputado de Mobilidade
Foto: D.P.

Infogauda / Pontevedra

 O deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, acudirá mañá a Madrid para explicar o traballo da Deputación de Pontevedra para aumentar a seguranza viaria nas estradas provinciais mediante o Plan Móvese. Este plan foi seleccionado pola Dirección Xeral de Tráfico como "experiencia de referencia" de entre as actuacións de institucións públicas en todo o estado pola súa novidosa concepción, cunha aposta clara polo calmado do tráfico mediante redutores físicos de velocidade.  

 O Plan Móvese, que recolle a implantación de zonas 30, redutores físicos de velocidade e pasos de peóns sobreelevados na rede de estradas dependentes da institución provincial pontevedresesa, será presentado tanto polo deputado como polo asesor e a técnica provincial de Mobilidade, Jesús Fole e Noemí Romero, na xornada sobre ‘Estratexia T. Tratamento de travesías para a seguranza viaria e a habitabilidade' que se celebra en Madrid mañá 17 de outubro.  

 O responsable provincial Uxío Benítez, asegura que a selección da DXT para participar nas xornadas "é o primeiro recoñecemento ao traballo que estamos a facer dende o novo departamento de Mobilidade da Deputación de Pontevedra e estamos satisfeitos porque estase a recoñecer que o noso plan de acción de seguranza viaria para as nosas vías ten propostas concretas de actuación moi acertadas", subliñou.  

 A xornada contará tamén coa participación de representantes da Deputación de Barcelona, Generalitat Valenciana, Donostia, Guipuxkoa,  Castela e León e Murcia. Logo da presentación das experiencias de referencia, na sesión de traballo por grupos debatirase sobre os conceptos de travesía na lexislación de seguranza viaria e de estradas e a necesidade de mantelos, facelos converxer ou substituílos. Así mesmo, falarase sobre os tratamentos das travesías e os elementos redutores de velocidade, sobre como xerar un corpo común de coñecemento e experiencias e como xerar recomendacións técnicas para rúas e estradas locais. Finalmente poñerase sobre a mesa o debate sobre a accesibilidade nas travesías.

A GUARDA

THOMAS AUGUSTO ESTARÁ EN MALIZZIA, EL PRÓXIMO SÁBADO

Presentará su nuevo trabajo discográfico 

Acompañado por los artistas nacionales Roser, Miguel Sáez, Papa Joe y Lester& Robe. Con ellos amenizarán la noche los Dj`s Dnoise, Adrián Mesu, Diego Mei, Beto Morgado y Kris Nouk



Rubén Carabelos Estévez / A Guarda

 El próximo sábado día 29 de octubre, actuarán en la villa de A Guarda diversos artistas musicales del momento. 

 Desde Texas (EE.UU.) llegará Thomas Augusto, ex componente de Midnight Red, presentando su nuevo trabajo y estará acompañado por los artistas nacionales Roser, Miguel Sáez, Papa Joe y Lester& Robe. Con ellos amenizarán la noche los Dj´s Dnoise, Adrián Mesu, Diego Mei, Beto Morgado y Kris Nouk. 

 La cita sera en la Discoteca Malizzia a partir de las 00.00h