17 de out. de 2016

PONTEVEDRA

Uxío Benítez exporá en Madrid o Plan Móvese dentro das xornadas da DXT sobre travesías 

O traballo do departamento de Mobilidade da DEPO foi seleccionado como "experiencia de referencia" en todo o Estado 
Uxío Benítez Fernández, deputado de Mobilidade
Foto: D.P.

Infogauda / Pontevedra

 O deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, acudirá mañá a Madrid para explicar o traballo da Deputación de Pontevedra para aumentar a seguranza viaria nas estradas provinciais mediante o Plan Móvese. Este plan foi seleccionado pola Dirección Xeral de Tráfico como "experiencia de referencia" de entre as actuacións de institucións públicas en todo o estado pola súa novidosa concepción, cunha aposta clara polo calmado do tráfico mediante redutores físicos de velocidade.  

 O Plan Móvese, que recolle a implantación de zonas 30, redutores físicos de velocidade e pasos de peóns sobreelevados na rede de estradas dependentes da institución provincial pontevedresesa, será presentado tanto polo deputado como polo asesor e a técnica provincial de Mobilidade, Jesús Fole e Noemí Romero, na xornada sobre ‘Estratexia T. Tratamento de travesías para a seguranza viaria e a habitabilidade' que se celebra en Madrid mañá 17 de outubro.  

 O responsable provincial Uxío Benítez, asegura que a selección da DXT para participar nas xornadas "é o primeiro recoñecemento ao traballo que estamos a facer dende o novo departamento de Mobilidade da Deputación de Pontevedra e estamos satisfeitos porque estase a recoñecer que o noso plan de acción de seguranza viaria para as nosas vías ten propostas concretas de actuación moi acertadas", subliñou.  

 A xornada contará tamén coa participación de representantes da Deputación de Barcelona, Generalitat Valenciana, Donostia, Guipuxkoa,  Castela e León e Murcia. Logo da presentación das experiencias de referencia, na sesión de traballo por grupos debatirase sobre os conceptos de travesía na lexislación de seguranza viaria e de estradas e a necesidade de mantelos, facelos converxer ou substituílos. Así mesmo, falarase sobre os tratamentos das travesías e os elementos redutores de velocidade, sobre como xerar un corpo común de coñecemento e experiencias e como xerar recomendacións técnicas para rúas e estradas locais. Finalmente poñerase sobre a mesa o debate sobre a accesibilidade nas travesías.

Ningún comentario:

Publicar un comentario