17 de out. de 2016

SOUTOMAIOR

Carmela Silva subliña a colaboración co Concello de Soutomaior para valorizar o Castelo 

O alcalde Agustín Reguera alaba o proxecto da Deputación de Pontevedra para poñer en valor as instalacións e os xardíns do entorno castelo Soutomaior

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva  e o alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera
Foto: D. P.


Infogauda / Soutomaior

 A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva destacou hoxe a  colaboración co concello de Soutomaior e o seu alcalde, Agustín Reguera, co cal mantivo unha xuntanza, para poñer en marcha o proxecto de valorización do castelo de Soutomaior.  

 A Presidenta adiantou que antes de final de ano é moi probable que se poidan presentar as tres rotas deseñadas e elaboradas para recorrer o conxunto do castelo e todo o seu entorno, "que presentaremos unha vez este concluída a sinalización e balizamento das mesmas e que permite coñecer a totalidade das instalacións".  

 Ao respecto o alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, agradeceu o traballo feito no proxecto de valorización do castelo e á propia Presidenta da Deputación xa que se trata de algo que vai a ser bo para todo o concello.  Para o próximo ano, tanto Carmela Silva como Agustín Reguera, coincidiron  en comezar a traballar cara a poñer en marcha o proxecto de musealización do castelo ademais de aumentar o número de visitas teatralizadas e de personaxes que participan nelas, dada a  grande demanda de persoas que queren participar.  

 A aposta da Deputación de Pontevedra co castelo é convertelo nun espazo de atracción turística na nosa provincia cun espazo adicado ao ocio familiar. O proxecto contempla melloras nos xardíns, plantacións e parque forestal; enriqueceranse os cultivos; dotarase de accesibilidade e mobilidade ó recinto; completarase o equipamento do parque; crearanse paseos e itinerarios polo recinto, áreas de picnic, merendas, obradoiros, etc.; impulsaranse actividades e exposicións, festas e mercadillos temáticos, teatros, música; poranse en marcha parques e espazos de xogos infantís así como micro-paisaxes ligadas ás colleitas  dos principais produtos da zona como castañas, uva ou camelias, entre outros.  

 Carmela Silva destacou o grado de colaboración co alcalde de Soutomaior ao que agradeceu todas as súas aportacións ao plan director, como a ampliación dun dos sendeiros ate a "Silla da marquesa"  ou como o maior valor a musealización do castelo.  

 Por último, sinalar que o concello de Soutomaior ten recibido ao longo deste ano 2016 un total de axudas de 607.929,05 euros en diversas partidas para infraestruturas, emprego, entidades e asociacións. En concreto, dentro do Plan Concellos recibiu a cantidade de 474.169,81 euros xa transferido na súa totalidade; en axudas de cultura a cantidade de 9.127,12 euros; na área de cohesión social e xuventude, 42.850,12 euros; en deportes, 8.808 euros; en emprego, 24.487 euros; e en igualdade a cantidade ascende a 43.487 euros.

Ningún comentario:

Publicar un comentario