17 de out. de 2016

A GUARDA

A EXPOSICIÓN DA CRUZ VERMELLA “EN FAMILIA POR DEREITO”, FOI PRESENTADA NA VILA GUARDESA

Pódese visitar no Concello da Guarda ata o 21 de outubro   

A presentación da exposición de Cruz Vermella “En familia por dereito”, acudiron Antonio Lomba Baz, alcalde da Guarda; María Teresa Vicente Baz, concelleira de Servizos Sociais da Guarda; José María Salcidos, presidente comarcal e outros representantes de Cruz Vermella do Baixo Miño; e unha familia acolledora da comarca.  
Fotos: C. A.G.

Infogauda / A Guarda

 Este luns día 17 de outubro, ás 12:00 horas, tivo lugar no Concello da Guarda a presentación da exposición de Cruz Vermella “En familia por dereito”, á que acudiron Antonio Lomba Baz, alcalde da Guarda; María Teresa Vicente Baz, concelleira de Servizos Sociais da Guarda; José María Salcidos, presidente comarcal e outros representantes de Cruz Vermella do Baixo Miño; e unha familia acolledora da comarca.  

 A exposición encádrase dentro dunha campaña da Cruz Vermella do Baixo Miño creada como parte do proxecto para promover o acollemento familiar. O obxectivo principal é animar ás familias a acoller a menores de idade, proporcionando así un entorno familiar  como alternativa á estancia nun centro de protección. As familias poden ter moi diversos perfís, podendo acoller calquera persoa, matrimonio ou parella de feito que teña a capacidade necesaria para proporcionar os coidados, a seguridade, a educación e o cariño que necesitan os menores que por diversas problemáticas das súas familias precisan un novo fogar.  



 A presentación consistiu na inauguración dunha exposición que consta de 8 paneis informativos con imaxes que se poderá visitar no vestíbulo do Concello da Guarda ata o venres 21 de outubro. Nestes paneis achégase a visión, experiencia e historias de familias acolledoras, así como de persoas  agora adultas que foron acollidas e contan as súas vivencias.   

 Durante o acto o alcalde e a concelleira intercambiaron unhas palabras cunha nai de acollida da comarca e con representantes de Cruz Vermella sobre a campaña e se interesaron sobre os resultados da mesma. Dende Cruz Vermella o teñen claro: son necesarias iniciativas como esta para dar a coñecer o programa de acollida e que a xente poda reflexionar e decidir se desexan converterse en familia de acollida. É unha decisión que debe meditarse pero o certo é que quen se decide, repite. Afirman que o 90% das familias de acollida repite a experiencia polo que o balance global é na súa maioría moi positivo.  

 O obxectivo de Cruz Vermella do Baixo Miño é dar a coñecer esta campaña e que se amplíe o número de familias de acollida na comarca. 

 Para saber máis sobre as historias expostas no edificio do Concello da Guarda, ou para obter máis información sobre a campaña e o programa de acollida poden consultar a web www.acollementofamiliar.org ou chamar ao teléfono 900 812 880.

Ningún comentario:

Publicar un comentario