17 de out. de 2016

LABORAL

TRIBUNA ABERTA

CIG-CONSTRUCIÓN DENUNCIA O CONTINUO INCUMPRIMENTO DA ZONA FRANCA DE VIGO EN MATERIA LABORAL

 Por medio da presente nota de prensa, a CIG-Construción quere denunciar o continuo incumprimento da Zona Franca de Vigo en materia laboral, en relación: co goce dos días Festivos de convenio e Festas laborais anuais, nas obras da construción da súa responsabilidade; así como tamén co exceso de xornadas diarias de traballo e por último en materia salarial, con abono de salarios aos traballadores das empresas subcontratadas por  debaixo do salario regulado en Convenio.

  Todas estas circunstancias xa veñen sendo denunciadas polo noso sindicato no último ano, con repetidas denuncias por escrito rexistradas tanto na Inspección de Traballo como na propia Zona Franca. Ao mesmo tempo que en dúas reunións que mantivemos con responsábeis do departamento de Obras e da propia Presidenta.

 Os incumprimentos nas materias antes citadas seguen acontecendo, aínda despois de terse comprometido a reconducir a situación e a cumprir o convenio en materia de xornada e salarios despois da última reunión mantida entre o sindicato e a Presidenta da Zona Franca.

 Proba do que estamos a dicir é que o pasado 12 de outubro, festivo laboral, na obra que a Zona Franca ten en Citroën (Nave H), se traballou con normalidade.

 A situación se fai aínda máis grave, ao tratarse de incumprimento por parte da Administración, que tiña que ser o exemplo á hora de cumprir coa lexislación vixente. Neste caso, a Zona Franca está colaborando co fraude á Seguridade Social e a Facenda, pois ningunha destas irregularidades que se están a cometer, se regularizan en nómina, ou o que o mesmo, todos os salarios derivados de esta situación se abonan en negro.

 Tamén facemos responsable á Zona Franca de subcontratar conscientemente con empresas que saben de antemán que van a incumprir en todas estas materias. As empresas contratan maioritariamente a traballadores que cobran salario hora  moi por debaixo do regulado en convenio, co conseguinte agravio comparativo con empresas galegas que de esta maneira non poden acceder directamente ás licitación das obras.

 En materia de xornada diaria de traballo, o normal e que estas empresas realicen 10 ou 11 horas de traballo. É dicir que por cada tres traballadores que fan exceso de xornada, se deixa de crear un novo posto de traballo. Non era este o goberno que tanto se preocupa pola creación de emprego? Todo é unha mentira e unha farsa máis.

 Tampouco podemos deixar pasar a hipocrisía e cinismo manifestado pola administración dependendo do caso. Non lle importa utilizar aos medios de comunicación para denunciar ao Concello de Badalona por abrir as portas no 12 de outubro e que os seus traballadores desenvolvan a súa actividade; pero cando se trata de traballadores da construción na súas obras miran para outro lado, e non lle importa que traballen en día festivo sabendo conscientemente que o están a facer.

 Con esta nota de prensa a CIG-Construción quere denunciar publicamente o que está a acontecer nas obras da administración, que no lugar de ser o exemplo do cumprimento da Lei, son xusto o exemplo de todo o contrario.

 De inmediato imos solicitar unha nova reunión coa Dirección da Zona Franca no ánimo de que nas obras da súa competencia se cumpra co convenio colectivo da construción de unha vez por todas. De non ser atendida a nosa petición, de aquí en diante, a CIG-Construción en todas aquelas obras da Zona Franca nas que se incumpra o convenio, non só o imos a seguir denunciando, senón que tamén nos vamos a mobilizar como xa temos feito en outras ocasións  cando a vía da negociación non da resultado ningún.

En Vigo a 17 de outubro de 2016

         Carlos Méndez Iglesias
         Secretario Comarcal CIG- Construción

Ningún comentario: