13 de dec. de 2016

LABORAL

Asembleas e concentracións nas comarcas pola recuperación de dereitos laborais, salariais e condicións de traballo dignas 

A CIG prevé darlle continuidade ás mobilizacións nos próximos meses

A CIG convoca para mañá mércores, día 14 de decembro, asembleas de delegados/as e concentracións en todas as comarcas
Foto: CIG

Infogauda / Redacción 

 A CIG convoca para mañá mércores, día 14 de decembro, asembleas de delegados/as e concentracións en todas as comarcas para presionar o Goberno español e exixir que haxa un cambio de políticas que posibiliten a recuperación de dereitos perdidos nos últimos anos como consecuencia das sucesivas reformas en materia laboral, de negociación colectiva ou pensións.  

A Coruña: 12:00h diante da Delegacion do goberno.  

Lugo: 12:30h diante Subdelegación do Goberno. 

Compostela: 12:00h na Praza de Galiza.  

Vigo: ás 11.30h desde os Capuchinos até o Edificio da Xunta. 

Pontevedra: 11.30 manifestación até a Subdelegación do Goberno.  

Ferrol: 12:00h. Manifestación da Praza do Himno até a Casa do Concello.  

Vilagarcia: 11.30h marcha do INEM até INSS.  

Ourense: 11:30 h diante da Subdelegación do Goberno.  

 A CIG entende que a recuperación deses dereitos e doutras políticas que permitan camiñar cara emprego, salarios e condicións de traballo dignas pasarían pola derrogación inmediata desas reformas laboral, na negociación colectiva e das pensións.  

 Para iso convoca estas mobilizacións, coa idea de darlles continuidade nos próximos meses. Neste sentido, o secretario xeral, Suso Seixo, explica que “estamos traballando nunha táboa reivindicativa na que se concretarán estas cuestións partindo fundamentalmente do que xa temos analizado e publicado en base a dous documentos: as 100 medidas para a recuperación económica e a creación de emprego e as propostas en materia laboral e social”.  

 Eses dous documentos serían a base argumental das propostas da central sindical entendendo que neste momento, e logo de que o PP perdera a maioría absoluta no Parlamento español, “se dan as circunstancias para poder promover iniciativas, proposicións de lei que modifiquen as consecuencias negativas que tiveron -en materia de emprego, salarios, condicións laborais e pensións- as reformas levadas a cabo nos últimos anos”, indica.  

 O secretario xeral explica que desde a CIG “sabemos que o PP, a pesares de estar en minoría, vai utilizar todos os mecanismos ao seu alcance para non mudar as políticas antisociais e antiobreiras feitas nos últimos anos, por iso consideramos fundamental presionar a través da mobilización social, nun proceso de concienciación e acumulación de forzas que nos permita chegar aos maiores niveis de mobilización e contestación social”.  Dentro das reivindicacións pola recuperación de dereitos está o debate sobre o futuro do sistema público de pensións. A este respecto Seixo lembra que a CIG xa lanzou unha campaña nas comarcas organizada polo colectivo de pensionistas e xubilados/as da CIG á que tamén se lle vai dar continuidade con novas mobilizacións, previsibelmente no mes de xaneiro que están en estudo por parte do propio colectivo, “coa idea de exixir que se derroguen as reformas das pensións dos anos 2011 e 2013, promovidas polo PSOE e o PP, que ademais no caso da de 2011 contou co apoio de CCOO e UGT”.  

 A CIG demanda ademais que se adopten as medidas necesarias para garantir o sistema público de pensións e que as pensións, ademais, sexan dignas.

Ningún comentario: