15 de dec. de 2025

DEPORTES

BALONMÁN FEMININO

Anouk Nieuwenweg desvincúlase do Guardés con efecto inmediato 

A xogadora neerlandesa e o equipo baixomiñoto acordaron separar os seus camiños con efecto inmediato, polo que Nieuwenweg non xogará o resto da tempada 

O Guardés queda así cun efectivo menos nun persoal que nas últimas semanas tamén recibiu a noticia da baixa de Cristina Cifuentes, a quen substituirá África Sempere. Pola súa banda, a recuperación de Nerea Gil estenderase ata o aninovo 

O Club non prevé realizar novas incorporacións, polo que espera terminar a tempada coas 15 fichas coas que conta actualmente 

Anouk Nieuwenweg
Foto: SportCoeco


Redacción Deportes / A Guarda

 O Mecalia Atlético Guardés afronta unha nova saída. A neerlandesa Anouk Nieuwenweg desvinculouse do equipo baixomiñoto con efecto inmediato e non xogará xa o resto da campaña. A noticia chega unha semana despois de coñecerse a baixa definitiva de Cristina Cifuentes, que cubrirá África Sempere a partir do encontro previsto para leste mesmo mércores.  

 A lateral procedente dos Países Baixos, que chegaba por primeira vez ao Club o pasado verán, acordou nos últimos días separar o seu camiño da entidade baixomiñota. A desvinculación efectuouse por mutuo acordo e de forma inmediata, polo que Nieuwenweg non xogará xa os dous encontros previstos para esta mesma semana, o mércores en Elda e o sábado na Sangriña, dando por finalizado o seu percorrido no Mecalia.  

 Esta baixa chega uns días despois de coñecerse outra ausencia importante para o equipo baixomiñoto, motivada por unha lesión de longa duración no nocello esquerdo de Cristina Cifuentes. Por sorte, este mesmo mércores regresará do retiro para cubrir o lugar da pivote a histórica do Club África Sempere, motivo polo que o Guardés terá que lamentar a perda dunha ficha en lugar de dúas. 

 O equipo confirmou xa que non prevé, a priori, a fichaxe de novas xogadoras para reforzar a praza que Anouk deixa libre, polo que se espera que termine o curso actual coas 15 que ten dispoñibles actualmente, entre as que se atopa de baixa Nerea Gil, que volverá despois do parón do Nadal unha vez completada a súa recuperación con garantías tras a súa intervención no xeonllo esquerdo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario