BALONMÁN FEMININO
O Guardés volve á senda da vitoria en Elda (19-22)
• O Mecalia suma dous puntos de novo grazas a un partido estable no Florentino Ibáñez
• As de Ana Seabra dominaron durante todo o encontro, sostendo unha renda duns cinco goles a maioría do tempo, que decreceu nos minutos finais debido a unha recuperación puntual do Elda
• Con 6 goles, María Palomo liderou o ataque dun partido marcado pola volta de África Sempere, que anotou 2. Pero Amandine Balzinc foi a gran responsable da vitoria con 19 paradas
Redacción Deportes / Elda
O Mecalia Atlético Guardés recupera a senda da vitoria. As de Ana Seabra volveron do parón pisando forte este mércores en Elda, onde dominaron todo o encontro a un anfitrión desarmado, aínda que con certa capacidade de resposta. O equipo baixomiñoto sostivo unha renda duns cinco goles durante a maior parte do partido, pero a vitoria chegou a perigar nos minutos finais debido a unha recuperación progresiva das de Prades. Con todo, non foi suficiente e a férrea defensa dunha Amandine Balzinc que acumulou 19 paradas e terminou por dar o noveno triunfo da tempada ás súas. En ataque, María Palomo liderou con seis goles, e África Sempere estreouse con dous pola súa banda no seu esperado regreso ás pistas.
O encontro inaugurouse cunha contundente defensa por ambas as partes, motivo polo que o primeiro gol atrasouse ata pasado o terceiro minuto desde o comezo. Chegou da man de Lorena Téllez para culminar unha xogada guardesa moito máis engraxada que as anteriores, e que deixaba entrever que as de Ana Seabra parecían capaces de pillar desprevido a un Elda ata entón forte. Ania Ramos e Blazka Hauptman fixeron o propio nas seguintes ocasións posibles e o Guardés pechou o primeiro parcial liderando xa de maneira perigosa (0-3, min. 5). Prades chamou ao tempo morto para tratar de frear o aluvión galego que xa estaba a intuír.
Pero pasaban os minutos e as súas seguían sen marcar. O único tanto local chegou da man de Rafaela Gonçalves desde os sete metros, mentres o Mecalia non parecía ter freos. Aínda que o ritmo do encontro aumentou e as alacantinas comezaron a responder, a renda galega xa alcanzara un rango difícil de igualar, e mantíñase para cando chegou o ecuador desta primeira parte (4-7, min. 15). Varias paradas seguidas de Virginia Fernández comezaban a salvar os mobles das anfitrioas e a lograr frear a crecida guardesa. E aínda que o ataque a 7 despregado por José Ignacio Prades non lograba grandes efectos a nivel ofensivo -debido tamén, en parte, á férrea defensa de Balzinc-, si que permitiu ás súas entrar por fin no partido e comezar a poñer as cousas difíciles ás de Seabra. Aínda que o marcador non sufría grandes cambios, as locais non permitían aínda ao Guardés afastarse demasiado (6-9, min. 20).
Pero o despegamento produciuse, precisamente, nos instantes seguintes. Dúas paradas cruciais de Amandine Balzinc, xunto cun gol das súas propias mans a portería baleira, foron os causantes máis destacables do seguinte parcial, un 0-3 que deixaba ás galegas cunha renda case impracticable para a segunda metade (6-12, min. 25). Só un penalti de Malena Valles deu á anfitrioas ocasión de contestar, xunto cun segundo gol desesperado das súas mans nos segundos antes do descanso (8-12, min. 29), culminando a preparación da xogada para a que o adestrador eldense chamara a parar o crono xusto antes. E iso que as seis paradas de Fernández baixo paus locais impediron con méritos que a catástrofe fóra aínda maior.
A segunda metade continuou no mesmo ton, con gran parte do partido xogándose nas porterías e as barreiras defensivas. O Elda atacou pronto e conseguiu reducir a renda, grazas tamén aos sete metros, aínda que xogadoras como María Palomo e Lorena Téllez seguían atopando con relativa facilidade os ocos na súa defensa (10-14, min. 35) A mesma pivote encadeou dous roubos cos que logrou escaparse e pillar desprevida a Virginia Fernández para devolver a renda á dinámica dos compases anteriores ao descanso (10-16, min. 38).
Prades volveu chamar entón ao tempo morto e pareceu ter resultado, pois a continuación as súas deron importantes sinais de vida por momentos. O Guardés bloqueouse un pouco e encaixou un parcial 0-2 que provocou que fose, esta vez, Ana Seabra a que solicitase falar coas súas xogadoras (12-16, min. 41).
Pero poucas sorpresas albergaría xa o encontro. A situación mantívose estable ata o final do mesmo, cunha renda entre os cinco e catro goles a favor dunhas guardesas que dominaban o xogo con facilidade. As de Ana Seabra brillaban en ataque ante un Elda desarmado, pero que conseguía atopar certas ocasións para responder. Máis aló da desigualdade, o máis destacable foi a auténtica exhibición, e enésima no que vai de curso, que a gardameta Amandine Balzinc estaba a ofrecer, pois chegou a sumar ata 19 paradas ao longo de todo o encontro. Tamén foi para lembrar o regreso de África Sempere ás pistas, quen pisou forte cun gol no minuto 49 que seguía defendendo a vantaxe das súas (15-19).
Para os minutos finais, con todo, as cousas ameazaron con torcerse para o Guardés. O equipo anfitrión había atopado a maneira de encadear varios tantos consecutivos que reduciron a renda ata tres goles (18-21, min. 27) que de súpeto se tornaban factibles. O técnico do Elda solicitou por última vez parar o tempo para planificar a senda cara a, polo menos, un punto, e as de Ana Seabra defendéronse como puideron. Pero, como demostraron nos 53 minutos previos, podían con todo, principalmente grazas a unha gran atención á defensa que só deixou pasar unha dos múltiples intentos locais, e da man dunha Sempere que non fallou o valioso gol final que consolidaba a décima novena vitoria baixomiñota da tempada (19-22, final).
Elda Prestigio (8+11): Elena Cuadrado, Lucía García (1), Maddi Bengoetxea (1), Malena Valles (6), Paula Lluch (2), Rafaela Gonçalves (2), Meriem Ezbida (p.) [sete inicial], Lora Sarandeva (2), Virginia Fernández (p.), Sol Azcune, Luna Villaescusa, Emiliana Potrie (2), Julia Terrado (1), María Rodríguez (1), Claudia Martínez e Marina González (1).
Mecalia Atlético Guardés (12+10): Amandine Balzinc (p.), Jazmín Mendoza (1), Lorena Téllez (3), Elena Martínez (3), Ania Ramos (2), Blazka Hauptman (2), María Palomo (6) [sete inicial], Ariana Portillo, Sabina Mínguez (p.), Rosane Serrano, África Sempere (2), Carme Castro (1), María Sancha (3) e Cecilia Cacheda (1).
Marcador cada cinco minutos: 0-2, 1-5, 3-7, 6-9, 6-11, 8-12, 10-14, 11-16, 13-18, 15-19, 17-21, 19-22.
Árbitros: Miguel Martín e Jesús Álvarez. Amoestaron con tarxeta amarela á visitante Blazka Hauptman e excluíron con dous minutos á local Maddi Bengoetxea e á visitante Elena Martínez.
Incidencias: Partido de duodécima xornada da liga Guerreiras Iberdrola 2025/2026, disputado no pavillón Ciudad de Elda Florentino Ibáñez.
.jpeg)
Ningún comentario:
Publicar un comentario