19 de dec. de 2025

DEPORTES

BALONMÁN FEMININO

O Guardés despedirá o ano ante o Morvedre 

O Mecalia recibirá este sábado (19.00 horas) ao Balonmano Morvedre na Sangriña, para disputar o derradeiro partido do 2025 e derradeira xornada da primeira volta ligueira 

A convocatoria mantense con respecto á do pasado mércores, marcada polo regreso de África Sempere e as ausencias de Cristina Cifuentes e Anouk Nieuwenweg. As xuvenís María Español e Melina Rodríguez únense á convocatoria como reforzo 




Redacción Deportes / A Guarda

 O Mecalia Atlético Guardés despide o ano na casa. As de Ana Seabra recibirán este sábado (19.00 horas) na Sangriña ao Balonmano Morvedre para disputar a derradeira xornada da primeira volta da Liga Guerreras Iberdrola 2025/2026, etapa que o equipo baixomiñoto xa sabe que pechará, como mínimo, no segundo lugar da clasificación. A convocatoria mantense con respecto á do mércores en Elda: África Sempere certificará o seu regreso na casa, nun partido onde seguirán a notarse as baixas definitivas de Cristina Cifuentes e Anouk Nieuwenweg, así como a lesión de Nerea Gil. A técnica Seabra sumou ás xuvenís María Español e Melina Rodríguez como reforzo. 

 O Guardés chega ao encontro cos azos cargados tras volver do parón con bo pé. O pasado mércores, o equipo dominou con rotundidade a un Elda Prestigio que loitou ata o final (19-22). Malia os notables cambios no cadro de persoal sufridos durante este último mes sen actividade deportiva, a nova configuración desenvolveuse sen dificultades sobre a pista, da man dunha María Palomo que protagonizou o ataque dende o pivote e que foi cuberta cando o precisou por África Sempere que regresou do retiro amosando ser tan valiosa coma antes deste. Este sábado, o obxectivo é volver facerse grande ante os seus e prepararse para unha segunda metade da tempada que, pase o que pase, afrontarán cando menos dende o segundo posto da táboa ligueira, o que supón unha motivación extra para seguir soñando. 

 En canto á convocatoria, o panorama deste mércores mantense similar e A Sangriña vivirá o primeiro partido sen Anouk Nieuwenweg nin Cristina Cifeuentes, ademais de continuar a baixa de Nerea Gil, quen se espera que poida incorporarse a partir de xaneiro. A celebración do regreso de Sempere será a protagonista dunha xornada á que Ana Seabra convocou tamén ás xuvenís María Español e Melina Rodríguez como reforzo. 

 Pola súa parte, o Balonmano Morvedre chega ao pavillón guardés en penúltima posición da clasificación, cun balance de dúas vitorias e dez derrotas ata agora. O equipo de Sagunto vén dun percorrido que non logra atopar unha certa regularidade, malia un gran comezo que incluíra un impresionante triunfo ante o Zonzamas Lanzarote na segunda xornada. Ademais, visitará ao Guardés nun momento de transición chave, pois nas últimas semanas o Club valenciano anunciaba a saída do seu adestrador Manu Etayo, que será substituído pola exguardesa Cristina Cabeza a partir de xaneiro. 

 Namentres, David Núñez está á fronte do proxecto deportivo durante estas dúas xornadas intermedias. En calquera caso, este derradeiro encontro da primeira volta servirá como ensaio para outro máis decisivo nos vindeiros meses, pois o sorteo emparellou a ambos equipos, Guardés e Morvedre, na eliminatoria de segunda fase da Copa de la Reina 2026, que as de Sagunto afrontarán como anfitrioas o próximo 44 de febreiro.  

Ana Seabra: “O noso obxectivo é claro: rematar o ano cunha vitoria e demostrar unión e determinación” 

 A adestradora do Guardés, Ana Seabra, declara que as súas afrontan este encontro na casa “moi motivadas para dalo todo e seguir evolucionando como equipo”. Porén, mantén a súa filosofía habitual de ir partido a partido e lembra que “non podemos baixar a garda en ningún momento, independentemente do rival”. 

 Para iso, a técnica avoga, coma tantas outras ocasións, por “manternos totalmente centradas nos nosos obxectivos” e preservar o nivel de concentración e seriedade que vén sendo a auténtica chave para o éxito do equipo baixomiñoto. En canto a eses obxectivos para o sábado, di, son “claros: rematar o ano cunha vitoria e demostrar a unión e determinación que nos definen”.  

AXENDA 

Liga Guerreras Iberdrola | Xornada 13 

Mecalia Atlético Guardés – Balonmano Morvedre 

Sábado, 20 de decembro | 20.00 hora local | Pavillón da Sangriña 

Retransmisión en directo pola canle de YouTube do  Club Balonmán Atlético Guardés: 

https://youtube.com/live/WKHVvrkoBys 

Ningún comentario:

Publicar un comentario